I Día do Xadrez Concello de Mos no Centro Dotacional de Torroso

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O encontro celebrouse o pasado sábado 27 de abril

O sábado pasado, día 27 de abril, o Club Xadrez Mos realizou a 1º edición do Día do Xadrez.
No I Día do Xadrez Concello de Mos máis de 100 xogadores e xogadoras de todas as idades asolagaron de xadrez o Centro Dotacional de Torroso durante esta edición inaugural.
43 escolares chegados de todas as parroquias de Mos participaron na V Liga Interescolar de Mos. Foi moita ilusión a vivida ao longo das 6 partidas, xa que para a gran maioría de nenos e nenas tratábase da súa primeira competición. Mesmo se atreveron a desafiar a Antonio Álvarez Pampillón, Xabier Pérez Sousa e Óscar Morais Reixas, membros do Club Xadrez Mos A, nunha exhibición de partidas simultáneas a 22 taboleiros.
Por suposto, tamén gozaron da xornada o resto de xogadores e xogadoras dos Equipos do Club Xadrez Mos participando na I Edición do Torneo Social por Equipos, na cal se impuxo o Club Xadrez Mos D con autoridade nunha tarde amigable entre compañeiros e compañeiras.
E como fixaba o Calendario da Tempada 2019, disputouse a 11º e última xornada de Liga Galega de Clubs. O Club Xadrez Mos A desprazouse a Tui nesta última xornada, vencendo pola máxima ao Chiringo Contos, pechando con vitoria unha gran tempada.
O Xadrez Mos B venceu no Dotacional ao Albatros A certificando a permanencia na categoría unha tempada máis. O Xadrez Mos C, que recibía ao Escola Lalín, gañou debido á incomparecencia do equipo visitante. Unha xornada especial, na que se reuniron diversas xeracións de xadrecistas e que, sen dúbida, repetirase a próxima tempada.

Dende o Club Xadrez Mos queren “felicitar a todos os seus xogadores e xogadoras pola fantástica tempada realizada. E a eses pequenos s xadrecistas que participaron na súa primeira competición, por facernos gozar dunha xornada especial da que sairán grandes promesas do xadrez, do mesmo xeito que sucedeu en anteriores edicións”.