DÍA INTERNACIONAL DOS MONUMENTOS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

No DÍA INTERNACIONAL DOS MONUMENTOS, que se celebra hoxe sábado, 18 de abril, desde o Concello de Mos queremos ensalzar a importancia do noso edificio histórico máis emblemático: o PAZO DE MOS, gran símbolo patrimonial do noso municipio.

E homenaxear o traballo que históricamente realizaron tantos homes e mulleres mosenses para converter Mos no que hoxe é. Entre eles as leiteiras e os portadores dos carros de mercancía que pasaban por Mos levando productos e materiais desde as comarcas veciñas ata a cidade de Vigo.

Por iso contamos na localidade mosense con sendas esculturas que lembran o duro traballo tanto das leiteiras coma dos traballadores que conducían os carros de bois cargados de mercancía.

– Por un lado atópase a ESTATUA HOMENAXE ÁS LEITEIRAS mosenses na rotonda da parada de Bos Aires, na parroquia de Dornelas, xa que era xusto alí onde estas mulleres collían o tranvía para levar o leite ata a cidade de Vigo. As leiteiras foron un dos colectivos profesionais máis arraigados do municipio.

– Por outra banda o MONUMENTO DOS BOIS PUXEIROS, instalado na rotonda do Alto de Puxeiros, parroquia de Tameiga, obra do escultor nado en Mos, Lucas Míguez, rende homenaxe ao histórico traballo destes animais, e dos traballadores que os conducían, na zona.

A peza escultórica instalouse como recordo ao traballo que facían antigamente nesa zona, xa que historicamente Puxeiros era un lugar de intercambio e reforzo de parellas de bois que tiraban dos carros dende as comarcas veciñas. No lugar no que agora se atopa o monumento existía unha parada para reforzo de parellas de bois, tendo en conta a costa do Alto de Puxeiros, antes de continuar o viaxe a Vigo.