Inauguración parque Torroso

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Onte celebrouse a inauguración do novo parque do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso coa asistencia da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Torroso, Camilo Grandal, o secretario do GDR 14 e presidente da Comunidade de Montes de Trasmañó (Redondela), Fernando Magdalena Blanco; representantes de Eurural, demais membros da Corporación Municipal mosense, demais membros da Xunta Directiva da Comunidade de Montes de Torroso e representantes doutras comunidades de montes do Concello de Mos e de municipios veciños.
A Comunidade de Montes de Torroso, Asociación de Veciños, Centro Cultural de Torroso, Centro Cultural Abrente, Comisión de Festas de San Mamede e Comisión de Festas As Dores realizaron a inauguración do parque “O son do regueiro” situado xunto ao Centro Dotacional de Torroso nunha parcela de 30.000 metros cadrados, na que se interviu nunha superficie de 8.900 metros cadrados.
Trátase dun parque adaptado para nenos e adultos, está construído con fondos da Comunidade de Montes de Torroso, xunto coa colaboración do Concello de Mos que instalou unha tirolina, a Deputación Provincial e Eurural.
A inauguración realizaouse onte domingo 5 de agosto, deu comezo ás 10:00 horas da mañá cun paseo con saída desde o parque inaugurado con dirección ao monte das Baloutas visitando lugares da zona como os “Muíños de Jamil” e a “Poza do Ollomol”.
Ás 12:00 horas da mañá realizouse a inauguración oficial coa presenza de autoridades. Deuse un pequeno paseo polo parque e, ás 14:00 horas, deu comezo unha comida para os veciños amenizada polo grupo de gaitas do Centro Cultural, o grupo de acordeóns “Argonat” e o “Grupo de Gaitas Abrente”.
Este novo parque, proxecto dos arquitectos Perfecto Cendón e Javier Vázquez, responsables tamén das primeira e segunda fases do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso, trátase dun área de lecer e esparcemento moi novidosa da que existen moi poucos exemplos en toda Galicia. Predomina na mesma a temática musical, xa que o Centro Dotacional acolle a Escola Municipal de Música de Mos; contando o parque con varios elementos musicais a gran escala como tubos, xilófonos, e sambas en varias modalidades do instrumento.
O parque tamén inclúe dúas pistas deportivas, unha de baloncesto e outra de futbito, elementos biosaudables, mesas (varias delas con taboleiro de xadrez incorporado pensando no Club de Xadrez Mos que adestra nas instalacións do Centro Dotacional), bancos, xogos populares como a mariquitiña, o tres en raia e salto de lonxitude, pista de petanca e unha tirolina aportada polo Concello de Mos.
Para ubicar as pistas deportivas trasladouse o espazo de aparcadoiro de sitio, optimizando ademais, deste xeito, a seguridade dos nenos e nenas que gocen da área de xogos.
O parque, integrado e asentando en terreos da Comunidade de Montes de Torroso, que preside Camilo Grandal, conta con sendas de pavimento a base de xabre natural estabilizado con cal. Trátanse de sendas de dirección recta unidas por círculos de actividade nos que están instalados os equipamentos, tanto de xogos, como musicais, biosaudables e áreas de descanso con bancos e gradas. As pistas de dirección que unen os círculos de actividade están dotadas de iluminación que se reforza con luz sutil nos bancos, -que contan con tiras led incorporadas-, que permitan guiar ao usuario pola senda nas horas de penumbra.
O novo equipamento de lecer en Torroso abrangue un amplo abano de idades nos seus públicos, tanto infantís como adultos.
Durante a inauguración deste parque, terceira fase do proxecto do novo Centro Dotacional de Torroso, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou “o incrible labor realizado pola Comunidade de Montes de Torroso en xeral e polo seu presidente, Camilo Grandal, en particular, pola cultura da súa parroquia e do municipio de Mos”. “Tan só hai que ver a magnitude destas instalacións por eles levantadas e nas que fixeron unha inversión nos últimos tres anos de máis de tres millóns de euros”, declarou a rexedora local mosense.
E é que a Comunidade de Montes de Torroso construiu no ano 2016 o novo edificio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso investindo 2.125.000 euros, no ano 2017 acometeu a segunda fase da obra coa ampliación do Centro Dotacional con 6 aulas de música máis, 1 sala multiusos e 1 sala para maiores cunha inversión de 825.000 euros e este ano 2018, a terceira fase do proxecto inclúe este parque con elementos biosaudables e musicais no que investiron 240.000 euros. A inversión total ascende a 3.190.000 euros.