Iniciada a mellora do piso do Pavillón Óscar Pereiro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

  • Este mes finalizaranse os traballos
  • A optimización da instalación deportiva era fundamental para a práctica da patinaxe artística, un dos deportes máis exitosos e practicados pola infancia e mocidade mosenses

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou hai uns días a pista do Pavillón Óscar Pereiro, acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Deportes, Begoña Toucedo. A Secretaría Xeral para o Deporte financia o arranxo do parqué concedéndolle á administración local unha subvención de 20.000 euros.

A obra de mellora do firme da pista de xogo do Pavillón Óscar Pereiro xa comezou e quedará rematada durante o mes de outubro.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia asume o custe íntegro do arranxo do parqué. Esta mellora era moi necesaria sobre todo para a práctica dun dos deportes máis prolíficos do municipio, o patinaxe artístico.

As de partinaxe son unhas das escolas deportivas con máis integrantes do Concello de Mos. En total sobre uns 160 nenos/as e mozos/as practican este deporte formando parte dun dos tres clubes mosenses: Escolas de Patinaxe de Mos (que conta cuns 100 patinadores/as), Club Rosaleira (que conta con sobre 30 patinadores/as) e Xiramos (que conta con outros 30 integrantes).

Todos estes xoves patinadores realizan os seus adestramentos no Pavillón Óscar Pereiro e no Pavillón Soledad Castro, polo que a optimización do firme do primeiro era unha importante demanda que por fin se fai realidade.

Os traballos que se están a realizar no Pavillón Óscar Pereiro son de fixación das tablas do parqué, pulido e barnizado das mesmas, así como posterior marcado e pintado das diferentes liñas que delimitan os terreos de xogo para os distintos deportes que alí se practican.

Por esta pista do Pavillón Óscar Pereiro pasan 1.500 persoas á semana. Trátanse de usuarios pertencentes aos clubes de patinaxe municipais, nenos/as das Escolas Deportivas de Baloncesto (actividade extraescolar), adultos e cativos que practican o fútbol sala, maiores participantes na actividade de ximnasia de mantemento do programa municipal ‘Exercítate’, mozos do IES de Mos que acuden a realizar algunhas das súas horas lectivas de clases de Educación Física, etc.