Iniciada a obra da nova senda peonil de Torroso

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Os primeiros traballos consisten na acometida dun muro e tala

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de vías e obras, Luis Alonso, informaron de que a semana pasada iniciáronse as obras da senda peonil de Torroso. Estas obras teñen un prazo de execución de dous meses e medio e supoñen unha inversión de 393.379,65 euros.
Polo de agora iniciouse a construción das beirarrúas á altura do parque infantil de Torroso e atópase en execución un muro xunto ao Cemiterio Municipal de Torroso. A semana que ven iniciaranse labores de tala necesarios para a acometida da senda.
O obxectivo dos traballos é a mellora da seguridade viaria, posto que se trata dunha zona moi frecuentada por viandantes.
A senda de Torroso acométese na Estrada de Adrovello, que é un viario municipal que comunica o Núcleo de As Pozas (Parroquia de Petelos) co Núcleo Rural de Seixabre (Torroso), abarcando unha lonxitude total de 1.4 Km.
Esta estrada é moi transitada por peóns, pero carecía de itinerarios peonís seguros, e dispoñía dun ancho moi reducido, de apenas 5 metros de calzada aglomerada, o cal aumentaba o perigo, máis se cabe, porque é o viario de acceso a varios equipamentos deportivos (Pavillón Óscar Pereiro, espazos de xogos…) dotacionais (colexios), culturais (Pavillón Multiusos) e patrimoniais (Castro de Torroso).
A nova senda peonil/ciclista permitirá comunicar, de forma segura, os dous núcleos, poñer en valor o Castro de Torroso e mellorar o trazado das curvas máis perigosas. Ademais mellorarase tamén a seguridade viaria mediante colocación de reductores de velocidade, adaptación da drenaxe e optimización da sinalización.
Esta obra conta con subvención con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.