LÓPEZ-CHAVES VISITA A FINALIZACIÓN DA OBRA DE ACONDICIONAMENTO DO NÓ DE SANGUIÑEDA

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras


 O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a alcaldesa Nidia Arévalo achegáronse hoxe ata a zona para comprobar de primeira man o remate dos traballos
 O Goberno galego investiu nesta actuación máis de 825.000 euros

Mos, 5 de xuño de 2019.- O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o xefe territorial de Infraestruturas da delegación da Xunta en Pontevedra, José Luis Díez, o tenente alcalde mosense, Alberto Méndez, e o concelleiro de Patrimonio e Servizos, Camilo Augusto, desprazouse hoxe ata o municipio pontevedrés para visitar a finalización da obra de acondicionamento do nó de Sanguiñeda entre a N-120 e a N-550. Unha actuación financiada integramente polo Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), á que o Concello deu prioridade co obxectivo de reordenar os espazos para darlle un maior protagonismo aos tráficos peonís.

O obxectivo da urbanización deste vial de titularidade municipal, no que a Administración autonómica investiu máis de 825.000 euros, é incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos, tal e como asegurou López-Chaves.

En canto á rede autonómica, a Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.