Louredo dá luz verde ao proxecto de remodelación da intersección da N-550 que permitirá o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

–      O documento foille remitido hai uns meses polo Ministerio de Fomento ao Concello, que quixo contar co visto bo da veciñanza da parroquia

–      A alcaldesa, xunto cos veciños, reivindicará agora unha solución para a accesibilidade aos barrios de Quintal, Eiragrande, Cortiñas, Inxertado, Lagoal e Asebal

 

Onte pola tarde celebrouse no local social do Centro Cultural A Cividade e da Comunidade de Montes de Louredo, unha reunión municipal coa veciñanza da parroquia na que estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde mosense e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o concelleiro da parroquia de Louredo e edil de Servizos para a Mellora do Entorno Rural e Urbano, Baldomero Lorenzo, e a arquitecto técnico do Concello.

O motivo da xuntanza foi a necesidade dun veredicto da veciñanza de Louredo sobre o proxecto de remodelación da intersección da N-550 que permitirá o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio, para trasladarllo ao Ministerio de Fomento e que os traballos poidan comezar canto antes.

A arquitecto técnico explicoulles aos veciños presentes na reunión todos os detalles do proxecto, así como solventou dúbidas e recolleu melloras plantexadas, que lle serán trasladadas ao Ministerio para que poidan ser incluídas na obra.

Respecto deste proxecto, recibido no Concello fai uns meses, a rexedora local mosense explica que “quixemos que os veciños da parroquia o coñecesen en profundidade e puidesen meditar sobre a súa conveniencia, de xeito que sexa unha obra consensuada. Dende o equipo de goberno local queremos sempre buscar o consenso”.

Agora, e tras a reunión de onte, o proxecto ten o visto bo e luz verde por parte da parroquia de Louredo, aínda que reclamando unha solución para a accesibilidade aos barrios de Quintal, Eiragrande, Cortiñas, Inxertado, Lagoal e Asebal; reivindicación á que se suma a alcaldesa e o Concello de Mos, que intercederán ante o Ministerio de Fomento a este respecto.

Detalles do proxecto

Trátase dun proxecto do Ministerio de Fomento consistente na remodelación da intersección da Estrada N-550 en Louredo, que permitirá o xiro a Pombal, Pantaño e San Gregorio en ambos sentidos. Este proxecto, que será financiado e acometido por Fomento, trátase dunha obra crucial para falicitar os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizar a seguridade viaria nesta estrada nacional.

O proxecto constituía unha importante demanda veciñal pola que os habitantes da zona xa se reuniran varias veces coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. Demanda veciñal que agora se ve satisfeita.

Esta intersección na zona de O Tablado (no punto quilométrico 148+650 da Estrada Nacional 550) permitirá xiros nese punto en beneficio, sobre todo, dos veciños dos barrios de San Gregorio, Pombal e Pantaño. Esta solución ás demandas da veciñanza era de importancia capital. O orzamento a investir polo Ministerio na acometida desta obra que falicitará os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizará a seguridade viaria na N-550 ao seu paso pola parroquia de Louredo ascende a 711.418,47 euros, IVE incluído.