Louzán e Arévalo inauguran o novo local social da A.V.V. Veigadaña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As instalacións supuxeron unha inversión de 300.000 euros

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asistiron esta tarde á inauguración do novo local social da Asociación de Veciños de Veigadaña. Os representantes provincial e local, descubriron a placa conmemorativa xunto co presidente da Asociación, José Manuel Pousada Fernández, nun acto que estivo amenizado musicalmente por un grupo de gaiteiros e outro de cantareiras.

 

A alcaldesa amosouse satisfeita ante a inauguración dunhas novas e melloradas instalacións para a A.V.V., xa que era unha demanda dos veciños da zona de fai xa moitos anos por ser o local antigo de reducidas dimensións e escasos recursos. Arévalo declarou que espera “que os habitantes do barrio da Veigadaña disfruten enormemente deste edificio, xa que é unha recompensa sobradamente merecida ás afeccións que no seu día lles supuxeron as obras de construcción do Polígono Empresarial Mos-Veigadaña que, afortunadamente hoxe nos está dando tantas alegrías co asentamento nel de cada vez máis empresas”.

 

Pola súa banda o presidente da asociación veciñal, agradeceulle na súa intervención “o apoio económico á Deputación, o importante labor de mediación e xestión ó Concello, é ós actuais e anteriores membros da directiva e socios da A.V.V. Veigadaña, o intenso traballo e a loita constante ata conseguir este novo local social que hoxe xa é unha realidade”, dixo.

 

O novo local, cuia edificación foi financiada pola Deputación de Pontevedra cunha aportación tamén do Concello de Mos, consiste nun edificio de dúas alturas. Na pranta baixa a construcción conta cun garaxe para que os membros da Asociación de Veciños poidan gardar a súa carroza de Entroido e unha zona de lecer e esparcemento con aseos adaptados para minusválidos. Na pranta primeira, que está dotada dun acceso independente dende a estrada, creáronse tres salas polivalentes nas que poder impartir cursos de formación e unha pequena oficina.

 

O novo edificio ten un total de 390 metros cadrados construídos. A fachada da pranta baixa está rematada cun aplacado en pedra e a da primeira pranta cun revestimento monocapa. Respecto do contorno exterior do local, mellorouse o campo de xogo e prantarase céspede no resto da parcela.

 

O orzamento total das obras ascendeu a 300.000 euros que foron cofinanciados pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos gracias a un convenio asinado entre ambas administracións, provincial e local, mediante o cal se estableceu que a Deputación pagaría 260.000 euros do total e o Concello asumiría os 40.000 euros restantes.