Ludoteca integradora en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello explora posibilidades de xestión, entre as que se atopa EVD Galicia, para os dous centros municipais ao non haber empresas interesadas no servizo

O Concello de Mos ten en marcha o expediente administrativo das Ludotecas Municipais en San Rafel e Louredo para que poidan entrar en funcionamento despois de que a empresa que resultou adxudicataria do servizo renunciase ao mesmo e posteriormente quedase deserta a segunda convocatoria do concurso público. Desde ese momento, e ao non haber adxudicatario que as xestionase, as ludotecas atópanse sen actividade; o que xa está en vías de solución con este expediente iniciado pola administración local e que se levará a aprobación ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal.
Para evitar a infrautilización destas instalacións o Concello explorou outras posibilidades de xestión.
Por unha banda, e no marco do Plan de Integración HABITAMOS, cederase a xestión da Ludoteca de Louredo para a prestación deste servizo por parte de EVD Galicia. Un proxecto co que a asociación se atopa moi ilusionada e sobre o que director de EVD Galicia, Leví Olivares, declarou que “que mellor xeito de que se empecen a ver os resultados da creación do Plan de Inclusión HABITAMOS que dinamizando a Ludoteca de Louredo dende EVD Galicia. Temos unha proposta ambiciosa para este centro que contrubuirá a xerar, dende a educación e a infancia, unha contorna comunitaria onde todos queiramos vivir. É hora de crear unha comunidade onde esteamos todos”.
As usuarias de EVD teñen xa experiencia de anos impartindo obradoiros infantís tales como o de elaboración de marmeladas con escolares mosenses, etc.
E por outra parte dende a administración local concertarase próximamente sendas reunións coa Xunta Local de Mos de AECC e coa Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos, ASOMAMOS; xa que ambas agrupacións levan tempo solicitándolle ao Concello un local donde poder desenvolver a súa actividade. Polo que se procederá ao estudo da posibilidade de que se instalen no edificio da Ludoteca de San Rafael.