Máis de 300 alumnos comezan as clases na Escola de Música de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O novo curso iníciase con dúas novidades: a arpa celta e a zanfona

 

A Escola de Música de Mos informa de que, co inicio do novo curso escolar 2013-2014 comezan, un ano máis, as clases. A presentación do novo curso celebrouse na Escola o pasado martes, 6 de setembro, e contou coa presencia da concelleira de Educación, Kely Monzón, e o edil de Formación e Emprego e tenente alcalde mosense, Óscar Soto; ademais, por suposto, da directiva e o profesorado do centro ó completo.

 

Dende a Escola queren anunciar que, aínda que xa estea inaugrado o curso, aínda está aberta a matrícula nalgúns instrumentos por se alguén decide inscribirse agora.

 

Ubicada no Centro Cultural de Torroso, no barrio da Igrexa, a Escola de Música de Mos é unha entidade sen ánimo de lucro, que foi creada no seo do Centro Recreativo e Cultural de Torroso no ano 2003. Está recoñecida pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia coma escola oficial.

 

Conta nestes intres con máis de 300 alumnos e dispón das especialidades instrumentais: vento-madeira (flauta traveseira, oboe, clarinete, saxofón, fagot e gaita); vento-metal (trompeta, fiscorno, trompa, trombón, bombardino e tuba); vento mecánico (acordeón); corda (violín, viola, violonchelo, contrabaixo, guitarra e piano); percusión clásica e tradicional, música e movemento (para nenos de 4 a 7 anos), educación vogal e auditiva, linguaxe musical para adultos, coro, conxunto instrumental, danza tradicional e ballet. Este ano implantáronse como novidades a arpa celta e a zanfona.

 

O profesorado da Escola está formado por músicos titulados, algúns deles considerados grandes profesionais, que ademais son excelentes docentes que exercen con ilusión a súa actividade.

 

A Escola de Música de Mos está subvencionada polo Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Comunidade de Montes de Torroso e o Centro Recreativo e Cultural de Torroso.

 

A directiva que xestiona e que se ocupa do bo funcionamento da escola é a mesma que a do Centro Recreativo e Cultural de Torroso e tódolos membros que a integran traballan desinteresadamente para levar adiante esta iniciativa que se foi desenvolvendo co paso do tempo.

 

A Escola de Música de Mos ten un valor importante e recoñecido, pois é a auténtica canteira de novos valores que pasan a formar parte da Banda de Música Xuvenil de Torroso. Ambas teñen alcanzado nos últimos anos un nivel importante que se quere manter, avanzando nas técnicas. Gracias a esta canteira cabe destacar a creación da Banda Orquestra Sinfónica da Escola de Música de Mos, integrada por 50 músicos, todos eles alumnos de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.

 

O éxito desta Escola radica no amplo abano de actividades musicais que oferta, xa que o alumnado pode escoller a música como profesión (modalidade oficial), ou simplemente como actividade de ocio (modalidade libre).