Máis de 300 cativos foron presentados como estrelas de fútbol polos seus respectivos equipos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Unión Deportiva Mos e o Club Louro Tameiga celebraron esta fin de semana as súas respectivas presentacións con motivo do inicio da tempada 2013-2014

 

Esta pasada fin de semana presentáronse en Mos os dous principais clubs de fútbol do municipio con motivo do inicio da tempada 2013-2014. O sábado pola tarde fixóo a Unión Deportiva Mos no Campo de Fútbol das Baloutas e onte pola mañá o Club Louro Tameiga no Campo de Fútbol de Cototorrón. En ambos eventos deportivos estiveron presentes, ademais de máis de 300 nenos e nenas xogadores (320 exactamente), a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas, e os presidentes de ambos clubes, Pablo Serodio do Mos, e Patricio Farrapeira do Louro.

 

No caso da presentación da Unión Deportiva Mos, ademais de Arévalo e Táboas, tamén estivo presente o edil da parroquia, Camilo Augusto. A U.D. Mos presentou o sábado ós seus 11 equipos que suman un total de máis de 170 xoves xogadores. A presentación do sábado no Campo de Fútbol das Baloutas deu comezo ás 20.00 horas, sendo os máis pequenos os grandes protagonistas do acto, propiciando un ambiente no que se sentisen como grandes estrelas, de xeito que a presentación supuxo un momento moi sinalado para os mencionados máis de 170 xoves deportistas que practican fútbol no club mosense e para as persoas integrantes da Unión Deportiva, que traballan día a día para que estes disfruten das mellores condicións posibles.

 

No evento deportivo de presentación do C.D. Louro Tameiga, acompañou á alcaldesa e ó edil de Deportes, o concelleiro Luis Alonso, natural da parroquia de Tameiga, e o voceiro do grupo municipal do PSOE de Mos, Alfonso Parada. O acto iniciouse ás 10.30 horas e durante o mesmo presentáronse un total de 9 equipos pertencentes a 7 categorías: un equipo de biberóns, un equipo de prebenxamíns, un equipo de benxamíns, dous equipos de alevíns, un equipo de infantil, un equipo de cadetes, e un equipo de xuvenís. Un total de 150 nenos, entre os que se atopan tres xogadoras, ós que se lles suman os 23 xogadores do equipo senior de aficionados do Club, que milita en Segunda Rexional do Grupo 13, e que onte non puido asistir á presentación dado que tiñan que xogar un partido na Cañiza.

 

O Louro aproveitou ademais o acto de onte para presentar pública e oficialmente tamén á súa nova xunta directiva integrada polo presidente Patricio Farrapeira, a vicepresidenta Rocío Rodríguez, o secretario Samuel Graña, o tesoureiro Fernando Vázquez, e os vogais Umberto, Justo, Pedro Bastos e Pedro Troncoso, Antonio, Carlos e Alberto (Tito). Esta tempada o Club contará tamén coa figura dun coordinador, Emilio José (Romario).

 

A vindeira tempada, 2014-2015, o Club Louro Tameiga celebrará o seu 50 aniversario cumprindo as chamadas ‘vodas de ouro’.