Mañá ás 21.00 horas desfile de comparsas de Entroido en Sanguiñeda

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Participarán un total de 15 agrupacións

O tradicional Desfile de Comparsas do Concello de Mos que estaba previsto para o domingo 3 de marzo ás 17.00 horas na Avenida de Sanguiñeda e que se suspendeu debido ás inclemencias meteorolóxicas, celebrarase mañá, venres 8 de marzo, ás 21.00 horas na mesma ubicación da Avenida de Sanguiñeda.

O desfile divídese en dúas seccións: infantís ata 12 anos, e adultos, de 13 anos en adiante. Considéranse dunha ou doutra categoría atendendo á porcentaxe de idade que teña maior número de compoñentes, como mínimo nun 60%.

Hai inscritas no Desfile de Mos 15 comparsas que desfilarán mañá, 13 de adultos e 2 infantís. Das 15 comparsas participantes, 5 son de Mos, 4 de Vigo, 3 de O Porriño, 1 de Salvaterra, 1 de Salceda de Caselas e 1 de Tomiño. As comparsas infantís son unha do Porriño e outra de Vigo.

O comezo do desfile terá lugar diante do concesionario da Renault en dirección ás inmediacións da Discoteca Queen. Ao remate do mesmo haberá un DJ e animación infantil que amenizarán a entrega de premios.

Os premios que inclúe o Concurso de Comparsas do Desfile de Entroido do Concello de Mos son: Premio único á mellor comparsa infantil, Premio único á mellor comparsa de adultos, Mención especial á mellor carroza, Mención especial ao mellor vestiario, e Mención especial animación.