Manuel San Martín, pregoeiro da Festa da Paella 2017

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O actor galego acompañou hoxe en Chan do Bosque á directiva da Asociación e representantes municipais na presentación da celebración gastronómica

 

 

 

Hoxe realizouse a presentación da Festa da Paella da A.V.V. Chan do Bosque no local social que a Asociación ten en Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda. Na presentación estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Cultura e Turismo, Mercedes Cabaleiro, presidenta da A.V.V. Chan do Bosque, Sergio Silva, vicepresidente da A.V.V. Chan do Bosque, Mari Carrera e Elsa Fernández, fundadoras e promotoras da festa hai máis de 30 anos; e Manuel San Martín, pregoeiro da Festa da Paella 2017, actor galego que traballou, entre outras, nas series da TVG Libro de Familia, Mareas Vivas e ‘Chapa y Pintura’.

 

A Festa da Paella 2017 celebrarase durante os días 15, 16 e 17 de setembro.

 

Ademais da parte culinaria, a celebración contará cun interesante programa cultural así como actos relixiosos. O venres día 15 de setembro ás 21.00 horas representarase a obra de teatro ‘Commedia Dell Arte’ interpretada pola Escola de Teatro Xerpo e abrirase ao público a exposición de labores realizada polos membros da Asociación.

 

O sábado 16 tamén ás 21.00 horas dará comezo o Concurso de Tortillas con premios ao Mellor Sabor, Mellor Presentación e Máis Orixinal. Todos/as nenos/as que se presenten ao Concurso Infantil de Tortillas recibirán un obsequio. O sábado tamén haberá degustación de sardiñas a prezos módicos e actuación do Dúo Salsa Costas.

 

O domigo, día 17, os actos festivos comezarán xa pola mañá. Ás 10.30 horas oficiarase unha Misa no local social coa actuación da Coral O Son dos Cantares de Tameiga. Posteriormente, ás 12.00 horas celebrarase outra Misa na Capela das Angustias e, de seguido, actuación do Grupo de Gaitas Tangaraño e Subasta de Prantas.

 

Os asistentes a este evento gastronómico poderán degustar este prato por un prezo de 10 euros a ración.

 

Ás 13.00 horas chegará o Pregón a cargo do coñecido actor da serie Libro de Familia da TVG, Manuel San Martín. Tras o Pregón farase unha homenaxe á muller de maior idade do barrio e a festa estará amenizada musicalmente polo Grupo M3.

 

Pola tarde haberá unha actuación do Mago Popín e o programa de actos pecharas eco concerto do grupo Argonat Band.