Medio centenar de xoves mosenses fórmase en mecánica do automóbil

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O curso pertence ó programa Actívate da Deputación de Pontevedra

 

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, presentou onte pola tarde o curso de Mecánica Básica do Automóbil, cuias clases se iniciaban nas instalacións do CDL, Centro de Desenvolvemento Local, de Mos.

 

Este curso organizouse gracias á Deputación de Pontevedra, xa que se atopa incluído no programa Actívate da administración provincial. Isto é, esta acción formativa realízase en colaboración coa Deputación de Pontevedra, sendo esta a que subvenciona o 100% do custo da actividade; mentres que o Concello de Mos cede as dependencias do Centro de Desenvolvemento Local para a realización da formación e encárgase da publicitación do curso.

 

A aceptación entre os potenciais beneficiarios deste curso foi todo un éxito no municipio mosense, e as 25 prazas máximas por clase atópanse cubertas con outras tantas solicitudes pendentes, polo que se realizará unha segunda quenda desta acción formativa, unha vez finalizadas as súas clases o grupo que as iniciou onte. Así, unha vez rematadas as dúas quendas deste curso, terán sido un total de 50 os mozos e mozas os formados en mecánica do automóbil. Os xoves participantes neste curso teñen todos entre, 16 e 35 anos, ambas idades incluídas. Cada quenda constará dun total de 40 horas de clase.

 

Segundo declarou Monzón, edil responsable desta iniciativa, os obxectivos da mesma consisten en “desenvolver actividades formativas e educativas no ámbito do lecer e tempo libre que sexan de interese xuvenil, realizar cursos de formación dirixidos a mellorar as competencias profesionais dos nosos xoves co obxectivo de posibilitar e incrementar as súas posibilidades de acceso ó mundo laboral, ofertar a maior variedade formativa posible ós nosos xoves, e posibilitar a adquisición de nocións básicas sobre a mecánica do automóbil”.