Medio milleiro de rapaces participarán no décimo aniversario do Torneo Internacional Fútbol Base La Caixa-Concello de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O campionato infantil de fútbol que se ven celebrando tradicionalmente en Semana Santa no Campo de Fútbol de Cototorrón cumpre a súa primeira década

 

Esta tarde presentouse no Campo de Fútbol de Cototorrón, na parroquia mosense de Tameiga, o X Torneo Internacional Fútbol Base La Caixa-Concello de Mos. Á presentación asistiron Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Isidoro Táboas, concelleiro de Deportes, Luis Alonso, edil mosense, Ramón Doniz, presidente do Club Louro-Tameiga; así coma representantes de La Caixa e os nenos xogadores das categorías do Club-Louro Tameiga que participarán neste torneo.

 

O torneo celebrarase durante a Semana Santa, os días 28, 29 e 30 de marzo, -xoves, venres e sábado, respectivamente-, no Campo de Fútbol de Cototorrón e nel participarán un total de 500 rapaces distribuídos en 33 equipos. Os cativos participantes neste campionato pertencen ás categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil.

 

O xoves e o venres o horario do torneo será de 09.00 horas a 19.00 horas, e o sábado o horario será de mañá, de 10.00 horas a 12.30 horas. O sábado, día 30, xogaranse as finais e os terceiro e cuarto postos da clasificación.

 

Este torneo está organizado polo Club Louro Tameiga coa colaboración do Concello de Mos e La Caixa, patrocinadores deste evento deportivo durante o seus dez anos de historia no municipio mosense. Trátase dun torneo federado pola Federación Galega de Fútbol e a Federación Española de Fútbol, e será ademais arbitrado por árbitros tamén federados.

 

Os equipos que competirán os próximos días en Cototorrón, cada un con diversas categorías, son: o anfitrión Club Louro-Tameiga, a Unión Deportiva Mos, E.D.M. Salceda, Cultural Areas, ‘Escuela de Fútbol Portero 2000’, U.D. Santa Mariña, U.D. Friestense, Desportivo Monçao e Balaídos Club de Fútbol.