Melloras en outros seis camiños de Mos por importe de 265.000 euros

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os traballos, xa iniciados, son posibles gracias ó Plan Urxente de Mentemento de Servizos e Infraestruturas Municipais, PUSIM 2014, da Deputación de Pontevedra

 

O concelleiro de Vías e Obras de Mos, Alberto Méndez, informou hoxe do recente inicio das obras do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais, PUSIM 2014, que a Deputación de Pontevedra acomete na localidade mosense e que consisten no reafirmado de 6 viais nas parroquias de Louredo, Mos, Dornelas, Sanguiñeda, Pereiras e Tameiga.

 

Concretamente trátase do asfaltado do Camiño entre Cortiñas e Quintal en Louredo, do Camiño da Zapateira en Mos, do Camiño de Marengo en Dornelas, do Camiño entre Cerqueirás e Quiringosta en Sanguiñeda, do Camiño na urbanización Pinal, parroquia de Pereiras, e da Estrada entre a Capela de San Eleuterio e o núcleo de Candosa, que abarca as parroquias de Tameiga e Pereiras.

 

O orzamento a investir nestes traballos de mellora viaria ascende a preto de 270.000 euros.

 

O edil responsable do departamento municipal de Vías e Obras, Alberto Méndez, anunciou tamén que dentro deste mesmo plan da administración provincial, PUSIM 2014, o Concello de Mos solicitou tamén a mellora da pavimentación do Camiño das Cruces e do Camiño do Salgueiro, ambos na parroquia de Cela, e a mellora da pavimentación na Estrada Alcalde González Ballesta, tamén en Cela.

 

Respecto destes traballos de optimización do firme de viais municipais Méndez declarou que “as obras que se están a acometer teñen unha importancia vital na mellora da seguridade vial, tanto de conductores coma de peóns, nestes 6 camiños do Concello de Mos”. “Deste xeito, dende as administracións provincial e local en xeral, e dende a concellería de Vías e Obras mosense en particular, continuamos co noso obxectivo de contrubuír a unha mellora constante e progresiva da calidade de vida dos veciños e veciñas de Mos”, concluía o concelleiro.

 

Camiño de Arrubial, Petelos

 

Precisamente a visitar un dos camiños municipais mellorados gracias a axudas doutras administracións, neste caso autonómica, achegouse a Mos o pasado venres a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo.

 

María José Bravo Bosch estivo acompañada pola alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Patrimonio, e Formación e Emprego, Óscar Soto; o edil de Vías e Obras mosense, Alberto Méndez, e o de Alumeado e natural da parroquia de Petelos, Luis Alonso. A delegada visitou o camiño de Arrubial, en Petelos, para comprobar as obras de mellora que se executaron ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal da consellería de Medio Rural e do Mar.

 

Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana concedeu a axuda solicitada polo Concello de Mos ao abeiro do Plan Marco para executar a pavimentación do camiño de Arrubial, en Petelos, dende as inmediacións da capela de San Amaro ata o matadoiro municipal.

 

O investimento da obra chega case aos 50.000 euros (49.163,51), sendo a cantidade subvencionable pola Administración autonómica de máis de 40.000 euros (40.631,00 euros) mentres que o goberno local fíxose cargo do resto, que corresponde ao pago do IVE.

 

As obras xa están rematadas e, concretamente, para mellorar a seguridade do vial, procedeuse á mellora da capa de rodaxe nunha lonxitude de 950 metros e 5 metros de ancho. Entre os traballos realizados levouse a cabo a limpeza das marxes e cunetas, un varrido enérxico do firme e aglomerado en quente de 5 centímetro de espesor con AC 16 surf 50/70 e, tamén, a posta a cota de 15 tapas de rexistro con formigón (recrecido de pozos).

 

En definitiva, a través de distintos programas de axudas ao medio rural, o Concello de Mos recibiu nos últimos anos preto de 374.000 euros para diversas actuacións en zonas rurais do municipio. Ademais, o Concello de Mos recibirá ao abeiro do próximo Plan Marco 2014-2015 a cantidade de 69.809 euros para seguir a mellorar os camiños rurais da localidade.