Moi avanzada a obra de construción do viveiro de empresas no polígono da Veigadaña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Os traballos estarán rematados na primeira quincena do vindeiro mes de novembro

A obra de construción do edificio que albergará o viveiro de empresas e servizos de apoio no polígono PEMOS-Veigadaña está moi avanzada e atoparase finalizada a comezos do vindeiro mes de novembro, dentro da primeira quincena do mes.
O viveiro contará con 4 talleres para albergar empresas de actividades vinculadas coa industria 4.0, (desde robótica, impresión 3D, procesos, investigación… etc.) zona de oficinas para atención ao emprendedor, e espazo para empresas emprendedoras en condicións ventaxosas durante un ano prorrogable a outro ano máis, con técnicos que as asisten e asesoran, orientan e axudan, acompañándoas neses dous primeiros anos de actividade empresarial. Na segunda pranta estará a zona de servizos comúns e coworking, con despachos e zonas de recepción, administración, reunión e atención; onde poder organizar desde reunións comerciais ata eventos máis ambiciosos.
O pasado mes de abril Concello e AEMOS asinaron o convenio para a creación do viveiro de empresas que está ubicado no polígono da Veigadaña e que subvenciona a consellería de Economía, Emprego e Industria con 240.000 euros.
Concretamente foi o 23 de abril cando a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro, asinaban no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos o convenio de Colaboración entre o Concello e a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) para a Execución dun Viveiro de Empresas no Parque Empresarial de Mos (PEMOS-Veigadaña).
Unha vez rematada a obra de construción do viveiro, este será xestionado directamente pola Asociación de Empresarios.
Con esta obra preténdese mellorar a xestión empresarial a través da creación dun viveiro de empresas para emprendedores a situar nunha parcela de centro terciario do Parque Empresarial de A Veigadaña, que permita descubrir e fomentar iniciativas empresariais e contemplar un tecido empresarial máis acorde coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas.
Para elo AEMOS realizou a cesión parcial do dereito de superficie da parcela necesaria a favor do Concello de Mos que dá lugar á subrogación pola administración local, quen executa a edificación industrial con destino a viveiro de empresas no espazo obxecto do convenio.
O Concello de Mos asignou a axuda solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a realización do mesmo, consistente en 240.000 euros, que representa o 80% da inversión total de 300.000 euros.
A Asociación de Empresarios de Mos aporta, de fondos propios, un importe do 20% da inversión total, é dicir, 60.000 euros.
O proxecto execútao o Concello de Mos, sendo este quen desenrola a acción, conserva a titularidade do viveiro e recibe a financiación procedente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Pola súa banda AEMOS encargarase da xestión e do funcionamento do viveiro.