Mos á cabeza da innovación empresarial

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A empresa Enmacosa, pioneira en diversificar a súa actividade cara á formación profesional adaptando parte das súas instalacións en aulas docentes

 

En tempos de crise a innovación e a diversificación son fundamentais para manter a actividade industrial dun municipio. Mos conta nas súas fronteiras, concretamente no polígono da Veigadaña, coa empresa Emnacosa que se ven caracterizando dende o seu asentamento no municipio mosense por ser pioneira, primeiro por ser a primeira en abrir as súas portas no PEMOS-Veigadaña, -concretamente o 17 de novembro de 2011- e agora por adaptar parte das súas instalacións en Mos para adicala á formación profesional.

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que na última Xunta de Goberno Local mosense aprobouse a licenza de obra de acondicionamento de instalacións para formación profesional da empresa Enmacosa, situada no Parque Empresarial Mos-Veigadaña.

 

Enmacosa é unha empresa adicada á consultaría técnica, control de edificación, control regulamentario, control normativo, control técnico, seguridade e saúde, e obra civil, que xa foi pioneira no Concello de Mos por ser a primeira en instalarse no polígono PEMOS-Veigadaña.

 

Agora Enmacosa volve a por de novo ó municipio mosense á cabeza da innovación ó ser a primeira da localidade, en unha das poucas de Galicia, que diversifica, en tempos de crise, a súa actividade cara á formación.

 

A obra que Enmacosa acometerá en parte das súas instalacións na Veigadaña é de carácter menor e consiste na adaptación, mediante divisións, dunha nave preexistente e con licenza concedida, en varias aulas docentes. Impartiranse nelas cursos para habilitacións profesionais da consellería de Industria (gas, caldeiras, fluorados…), ademais de enfocarse a actividade no futuro á formación para desempregados e á formación continua para traballadores en activo. Este tipo de actividades desenvólvense en Enmacosa desde hai máis dunha década, centralizadas na súa sede principal do concello de Sanxenxo.

 

Cómpre lembrar a importancia que a formación profesional ten hoxe en día xa que, debido á elevada taxa de desemprego, é fundamental optimizar e actualizar a formación dos traballadores tanto en activo coma en paro, para mellorar a súa empregabilidade de cara a reinsertarse laboralmente o antes posible, no caso de tratarse de desempregados, ou ante necesidades futuras, a curto, medio ou longo prazo, en caso de traballadores en activo.