Mos abre miras e visita empresas doutros municipios da comarca para que se adhiran ó seu Plan de Ocupabilidade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Dúas empresas de Porriño e outras tres do polígono da Veigadaña foron visitadas hoxe pola alcaldesa e o concelleiro de Formación e Emprego

As empresas Samper, Otraplasa, Mecoxi, Copi Rey e Darlim, as tres primeiras ubicadas no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, a cuarta en Porriño e a última no porriñés polígono das Gándaras, foron as visitadas esta mañá pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Formación e Emprego para presentarlles o plan conxunto de formación para desempregados, Plan Municipal de Ocupabilidade, iniciado o pasado mes de agosto. Aproveitando a visita ó polígono da Veigadaña, os membros do equipo de goberno local recolleron as demandas e suxestións das empresas alí situadas en relación ó Parque Empresarial.

Arévalo e Soto visitaron hoxe as cinco mencionadas empresas para seguir ampliando o proxecto de convenios de colaboración con empresas en materia de formación de persoas en situación de desemprego con posterior compromiso de inserción no mesmo lugar onde se cursou a formación. As cinco empresas se amosaron seriamente interesadas neste proxecto, adquirindo incluso a compañía Darlim, adicada a productos e maquinaria de limpeza e droguería, o firme propósito de colaborar neste sentido co Concello de Mos. Precisamente o director de Darlim Porriño, Indalecio Cuevas, verbalizaba esta mañá o seu compromiso de colaboración manifestando estar “aberto a loitar conxuntamente co Concello de Mos contra a lacra do desemprego”.

Neste sentido tanto representantes municipais como da empresa coincidiron en afirmar que en cuestións de desemprego non se pode nin especular nin crear falsas expectativas. “Estamos nun modelo en cambio e iso supón tratar de buscar alternativas fóra do territorio natural”, declarou Óscar Soto.

Este plan de formación ideado pola concellería de Formación e Emprego mosense, partindo sempre duns obxectivos realistas, consiste en que as empresas interesadas en adherirse mediante convenios de colaboración formen ós desempregados co perfil que lles interese nos postos concretos que a empresa decida, correndo a cargo da administración local os gastos de seguro das persoas en formación. Pola súa banda, os empresarios adquiren o compromiso de crear unha bolsa de emprego cos alumnos formados, á que recurrir no momento que precisen contratar a alguén nese posto, ben por aumento do volumen de traballo ou para substitucións de baixas médicas e vacacións, etc. Ademais, a formación recibida serviralles ós formados para ter máis posibilidades de ser contratados noutras empresas do mesmo sector da que os formou.

O obxectivo prioritario deste proxecto é o de fomentar a formación e a contratación dos mosenses menores de 35 anos, xa que neste rango de idade existen desempregados que carecen de formación algunha, atopándose nunha situación de total desvantaxe. Neste sentido a alcaldesa insiste en animar a tódalas empresas tanto de Mos coma doutros municipios a que se unan a este plan “co que gañamos todos”, dixo; posto que coa súa posta en marcha se verán beneficiados tanto as persoas en paro e o Concello, coma as propias empresas que imparten a formación.

Ademais o concelleiro de Formación e Emprego anunciou hoxe que dende o Concello de Mos xa se está a traballar na segunda edición do Foro de Emprego, na mesma liña novidosa e adaptada ós novos tempos da pasada e primeira edición.

Resultados

As medidas adoitadas polo goberno local de Mos en materia de Formación e Emprego, entre elas este Plan Municipal de Ocupabilidade, comenzan a dar os froitos esperados de descenso do desemprego no municipio, sendo o Concello mosense o que rexistrou unha menor taxa de paro no último trimestre, de entre todos os da Área de Vigo.

O paro rexistrado no último trimestre (meses de xuño, xullo e agosto) no Concello mosense, con preto de 15.000 habitantes, descendeu en 128 desempregados, polo que a cifra actual de persoas de Mos en situación de paro se sitúa en 1.726. “O logro destes datos tan positivos no que a inserción laboral se refire”, explicou o edil de Formación e Emprego, “foi posible gracias, por unha parte á instalación de novas empresas no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, por outra parte ó Plan de Emprego Xerae promovido pola Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, co que colabora activamente o Concello; e por outra, polo Plan Municipal de Ocupabilidade”.

Por último, o concelleiro de Formación e Emprego e tenente alcalde mosense, Óscar Soto, declarou hoxe que “ver que vamos polo bo camiño na loita contra a lacra do paro permítenos ter máis que nunca confianza no futuro”.