Mos abre o prazo de inscrición para participar nunha visita para mulleres gratuíta ó Parlamento de Galicia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A saída realizarase o 10 de xuño e as interesadas en participar poderán anotarse no Rexistro do Concello dende o día 3

 

A concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, informou hoxe de que o vindeiro luns, día 3 de xuño, abrirase o prazo de inscrición para a visita dirixida a mulleres mosenses ó Parlamento de Galicia, organizada dende o departamento municipal que ela dirixe.

 

A visita, que se realizará o 10 de xuño, será totalmente gratuíta para as participantes, que teñen ata o xoves 6 de xuño para inscribirse. O venres día 7 de xuño informarase da lista de admitidas que serán seleccionadas por rigorosa orde de entrada das súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello.

 

A saída farase en horario de mañá, partindo ás 09.00 horas dende o edificio de Urbanismo e regresando ás 14.00 horas.

 

Cebreiro explicou que “con esta saída preténdeselles dar ás mulleres de Mos a oportunidade de coñecer unha das institucións máis emblemáticas e en parte descoñecidas da nosa comunidade autónoma, así coma de observar en persoa a súa mecánica de funcionamento e comprender o seu sistema de traballo”.

 

A edil declarou tamén que “dende a concellería de Benestar Social se nos plantexou esta oportunidade da viaxe ó Parlamento orientada a mulleres, que nos pareceu unha moi boa idea porque serán recibidas pola presidenta, Pilar Rojo, feito este que lles servirá para concienciarse do papel cada vez máis importante da muller en cargos profesionais de alta relevancia e deixar atrás as barreiras psicolóxicas que as poidan limitar nos proxectos vitais que se plantexen”.