Mos abrirá pronto ó público as portas da súa Ludoteca Municipal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Está en marcha o procedemento de contratación da xestión deste servizo

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Benestar Social, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que o Concello saca a concurso a xestión do Servizo Público de Ludoteca Municipal, sita en San Rafael, parroquia de Pereiras.

 

O edificio que alberga as dependencias da Ludoteca Municipal está reformado íntegramente, totalmente adaptado, amoblado e equipado con material didáctico, segundo explicou a edil Sara Cebreiro. A capacidade máxima do centro é de 40 prazas para 40 nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade que deberán estar empadroados e escolarizados en Mos.

 

O local da ludoteca conta cunha superficie total de 173,28 metros cadrados repartidos entre dúas aulas, un almacén, tres aseos e un hall de entrada. A maiores as instalacións contan cun patio exterior orientado á realización de xogos infantís ó aire libre que ten unhas dimensións de 620 metros cadrados.

 

A rexedora local mosense declarou sobre o obxectivo da adxdicación do contrato do servizo de ludoteca que “é principalmente fomentar a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais traballadores veciños do Concello de Mos”. Ademais, e a este respecto, a concelleira responsable da Ludoteca Municipal apuntou que “o servizo irá orientado sobre todo a desenvolver e fomentar todas as súas actividades diarias organizadas en relación ó xogo infantil”.

 

Presentación de ofertas e condicións do contrato

 

As persoas ou empresas interesadas en presentarse ó concurso para prestar o servizo de Ludoteca Municipal poden acceder ás bases a través da páxina web do Concello, www.mos.es, na sección de Perfil do Contratante; ou tamén se lles facilitarán impresas físicamente acudindo ó departamento de Secretaría na Casa Consistorial.

 

A presentación de ofertas será posible cando sexa publicado o anuncio nos diarios oficiais, tanto autonómico como da provincia. O prazo que os interesados terán para presentarse será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á última publicación do anuncio, sexa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, BOP; ou no Diario Oficial de Galicia, DOG. As ofertas deberán ser presentadas no Rexisto do Concello de Mos.

 

Por último, Cebreiro explicou que a duración do contrato de concesión do servizo de Ludoteca Municipal será de dous anos prorrogables a outros dous máis, e que tanto o horario de apertura como as tarifas (prezos para os usuarios) da ludoteca as establecerá a propia empresa concesionaria e serán uns dos criterios máis valorados á hora de adxudicar o contrato, xunto co proxecto educativo deseñado.