Mos acada en 3 días 24 solicitudes para participar no seu Desfile de Comparsas de Entroido

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase dun record histórico no municipio. O prazo de inscrición iniciouse o luns 21 de xaneiro e non rematará ata o día 31

 

Dende a concellería de Cultura mosense que dirixe a edil Sara Cebreiro informouse hoxe de que o Desfile de Comparsas de Entroido deste ano fará historia por acadar o seu record de participación. Un total de 24 comparsas son as que se inscribiron, ata a data, no Rexistro do Concello de Mos –e o prazo de inscrición non remata ata o 31 deste mes- para desfilar o domingo 10 de febreiro pola tarde ó longo da Avenida de Sanguiñeda, superando incluso a cifra de 17 comparsas lograda o ano pasado e que tamén supuxera, ata entón, o record histórico de participación no Desfile de Entroido mosense.

 

Todas as comparsas participantes estarán integradas por un mínimo de 20 compoñentes e estarán clasificadas en dúas modalidades, adultos e infantís. Á sección infantil pertencerán todas aquelas comparsas cuios integrantes teñan idades de ata 12 anos, e á sección de adultos, de 13 anos en diante. Consideraranse dunha ou doutra categoría atendendo á sección que teña maior número de compoñentes.

 

O Desfile de Comparsas celebrarase a partir das 17:30 horas. A concentración será ás 17:00 horas  para dar comezo ao desfile e terá lugar diante do concesionario da Renault  dando comezo o desfile cara a carpa instalada nas inmediacións da Discoteca Queen. Tras o desfile haberá unha actuación musical do grupo mosense M3.

                       

O xurado do Concurso de Comparsas estará formado por un membro de cada unha das asociacións participantes, pola concelleira de Cultura (presidenta do xurado) e un traballador ou traballadora do Concello (secretaria do xurado). As asociacións participantes deben aportar os datos da persoa que formará parte do xurado xunto co boletín de inscrición.

 

Coplas

 

As comparsas que desexen participar con coplas tamén terán que inscribirse no Rexistro do Concello no mesmo prazo que as demais comparsas, e terán que entregar unha copia da copla que van interpretar antes do xoves 31 de xaneiro. O tempo máximo de interpretación de cada copla será de 10 minutos.

 

Premios

 

As remuneracións por participación para as comparsas de entre 20 e 39 compoñentes ascenderán a 300 euros por comparsa, e para as comparsas de máis de 40 compoñentes, a 400 euros por comparsa.

 

No caso dos premios propiamente ditos, o Premio Único á Mellor Comparsa Infantil será de 500 euros, ó igual que o Premio Único á Mellor Comparsa de Adultos e o Premio Especial á Mellor Carroza.