Mos acepta unha subvención para o mantemento do Centro de Saúde e ultima trámites para traspasarlle ó Sergas a titularidade do mesmo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A axuda, froito dun acordo entre Xunta e FEGAMP, ascenderá a máis de 12.000 euros

 

A Xunta de Goberno Local de Mos aprobou esta mañá a adhesión do Concello ó convenio de colaboración para a realización de programas de atención e protección da saúde, segundo informaron a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro.

 

Este convenio ven dun acordo entre a Federación Española de Municipios e Provincias, FEGAMP, coa vicepresidencia e consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, Sergas; mediante o que se decidiu outorgar axudas ós concellos para os gastos de mantemento dos centros de saúde.

 

No caso de Mos, concretamente do Centro de Saúde do Rebullón, esta axuda ascende a 12.117,89 euros, e subvencionará os gastos de mantemento do período comprendido ata o 7 de marzo do vindeiro ano2014. Afinalidade da subvención é atender o custe do mantemento dos centros sanitarios de titularidade municipal cubrindo servizos de electricidade, teléfono, calefacción, limpeza e persoal.

 

En relación ó Centro de Saúde Municipal Arévalo e Cebreiro informaron hoxe tamén de que continúan os trámites para traspasarlle a titularidade ó Sergas, procedemento que se atopa a piques de finalizar e que se iniciara o pasado ano nunha reunión que concelleira, alcaldesa e delegada territorial da Xunta de Galicia mantiveran coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

 

Unha parte do terreo onde se asenta o Centro de Saúde de Mos, pertence á Deputación de Pontevedra, polo que é necesario que esa parte se lle transfira á Xunta para que esta asuma a titularidade da totalidade do Centro.

 

Antecedentes

 

En febreiro de2012 aalcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, acompañadas pola delegada territorial da Xunta de Galicia, María José Bravo Bosch, reuníronse en Santiago coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para abordar o tema do Centro de Saúde de Mos.

 

O obxectivo desta entrevista foi trasladarlle á consellería de Sanidade a necesidade de que se faga cargo da titularidade do Centro de Saúde de Mos, para que o Concello non teña que seguir asumindo tódolos gastos derivados do combustible para a calefacción, electricidade, limpeza: tanto no que se refire á compra de productos como persoal adicado ás tarefas de limpeza, etc. Arévalo e Cebreiro trasladáronlle entón á conselleira o seu interese en que a administración autonómica pase a asumir canto antes o Centro de Saúde de Mos. A día de hoxe espérase, dende a administración local, a pronta resolución da asunción por parte do Sergas das competencias do Centro de Saúde de Mos.

 

E é que dende o ano 2006 hai aprobado un convenio de cesión para que todos os Concellos que así o desexen poidan cederlle os seus centros de saúde á administración autonómica e que estes pasen a mans da consellería de Sanidade.

 

Os trámites pertinentes para adherirse a dito convenio de cesión que implicaría que o Centro de Saúde de Mos pase xa a mans da consellería de Sanidade, que é sobre quen debe recaer a competencia do mesmo, están preto de concluirse nos vindeiros meses, de xeito que a consellería de Sanidade asuma tódolos gastos do centro de Mos.