Mos acolle a oitava edición do Campionato de Natación Escolar Val da Louriña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebrarase o 13 de abril na Piscina Municipal e os/as interesados/as teñen ata o día 6 do mes que ven para inscribirse

O Club Natación Mos organiza coa colaboración co Concello de Mos o VIII Campionato de Natación Escolar Val da Louriña, no que poden participar nenos e nenas nados entre os anos 2006 e 2013, de 6 a 13 anos de idade.

O Campionato disputarase o vindeiro 13 de abril, sábado, a partir das 17.00 horas da tarde, na Piscina Municipal de Mos e, dende o Club Natación Mos, animan aos cativos interesados neste deporte a participar. Nadadores membros e directiva do Club programan esta actividade para dar a coñecer a disciplina deportiva da natación e para que os máis pequenos disfruten dunha tarde de deporte.

O prazo de inscrición no Campionato estará aberto, na Piscina Municipal de Mos ou mediante mail en: natacionmos@gmail.com , ata o día 6 de abril. O límite de inscritos/as será de 150 rapaces. A listaxe de nadadores/as admitidos/as confeccionarase por rigorosa orde de inscrición.

Recibirán medallas os 3 primeiros clasificados por sexo e idade. Todos os participantes terán o seu diploma conmemorativo e haberá agasallos para todos os nadadores/as do campionato.