Mos acolle a primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O evento deportivo, organizado por Always Tenis de Mesa, celebrarase do 26 ao 28 de abril nas súas instalacións en Sanguiñeda

Hoxe celebrouse nas instalacións de Always Tenis de Mesa en Sanguiñeda a presentación do I Torneo Internacional Concello de Mos de Tenis de Mesa na que estiveron presentes o Xefe de Comunicación de AlwaysTM, Manuel Pereiro, e o concelleiro mosense Cándido Pérez.

O torneo, para o que xa hai 50 inscritos aínda que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de abril, disputarase os días 26, 27 e 28 deste mes nas instalacións de Always Tenis de Mesa en Mos, na parroquia de Sanguiñeda. O propietario de AlwaysTM, Samuel Pereiro, destaca a importante presenza de xogadores procedentes do veciño país Portugal que haberá nesta competición.

As inscricións poden formalizarse telefónicamente no número 667 91 07 75 ou por correo electrónico escribindo ao enderezo tenisdemesa@alwaystm.com

O número de participantes inscritos está limitado a 64 na categoría absoluta, 64 na de afecionados, 56 nas categorías base e 24 na de veteráns.

A inscrición é gratuíta para os pre-benxamíns, benxamíns, alevíns e infantís e de 5 euros para as categorías absoluta, veteráns e afecionados.

Os afecionados sen licenza competirán o venres 26 de abril de 17 a 22 horas. As categorías pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil e veteráns competirán o sábado 27 de abril de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. E a categoría absoluta sen límite de idade competirá o domingo 28 de abril de 10.30 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.30 horas.

A entrega dos premios terá lugar ó remate de cada xornada do torneo.