Mos acolle a unha nova empresa cunha previsión de facturación anual de dous millóns de euros

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O equipo de goberno local estima que beneficiará moi positivamente ó municipio coa creación de emprego e a activación do movemento industrial

 

A alcaldesa, Nidia Arévalo, e o responsable da empresa Díquel Sistemas S.L. asinaron esta mañá no Concello de Mos o convenio de cesión do dereito de arrendamento dunha parcela municipal. Trátase dunha nave industrial municipal na que se instalará esta nova empresa mencionada, ocupando as instalacións que ata a data viñan sendo utilizadas por Uralita Sistemas de Tubería S.A.

 

Esta nova empresa que pasa a ocupar a parcela municipal, Díquel Sistemas S.L., pertence a un grupo de empresas familiar adicado á comercialización de productos e materiais para a construcción e á realización de obra civil.

 

A nova empresa instalada no municipio estima que a comercialización e venda dos productos que almaceará na nave de Mos xirará entorno ós dous millóns de euros de facturación anual.

 

Dende o equipo de goberno local valórase o asentamento desta empresa en Mos coma un feito moi positivo “que se espera que revirta na creación de novos postos de traballo que beneficien ós veciños e veciñas mosenses nestes momentos de crise económica e de gran afección do paro; así coma no crecemento e na activación industriais do municipio”, expuña a rexedora local, Nidia Arévalo, durante a sinatura do convenio.