Mos acolle a VI Festa do Ovo Estrelado con Chourizo e Pan de Millo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidad

Terá lugar o sábado 17 de maio no Pavillón Óscar Pereiro de Mos

 

A Asociación Peña Celtista de Mos organiza por sexto ano consecutivo, coa colaboración do Concello de Mos e diversas empresas do municipio, a Festa do Ovo Estrelado con Chourizo e Pan de Millo, que coincide coma tódolos anos co Día das Letras Galegas, o vindeiro sábado 17 de maio.

 

O devandito festexo levarase a cabo pola mañá a partir das 11.00 horas no Pavillón Óscar Pereiro, sito na parroquia de Petelos; e ten como obxectivo rescatar, promover e difundir este prato da gastronomía tradicional e familiar.

 

Cada ración consta de dous ovos estrelados, un chourizo e un anaco de pan de millo, ademais dunha cunca de viño ou un refresco.

 

O prezo da ración é de 5 euros se o prato se leva nunha friameira de plástico, e de 6 euros se o prato se degusta no pavillón nun prato de cartón. Tamén existe opción de conseguir un prato conmemorativo do acto de regalo coa ración por un custo de 8 euros.

 

Na festa tamén haberá demostracións e ventas de produtos típicos da gastronomía e artesanía galegas, un bar, polbeiro e un mercado.

 

Ademais da degustación do tradicional prato, a festa conta cunha programación de actividades que se levarán a cabo a partires das 10.00 horas.

 

Entre estas a VI Exposición de Vehículos Clásicos, na que se disporá unha ampla gama de vehículos de colección de tódalas épocas, unha exposición de motos “custom” (motos personalizadas e modificadas segundo o gusto persoal do dono) e unha mostra de fotografías antigas que reflicten a vida cotiá de antano nas parroquias do municipio.