Mos acolle o Festival Folclórico InteRitmos no que participarán dez grupos da bisbarra

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Este certame musical que suporá para o gañador a posibilidade de grabar un disco recopilatorio, celebrarase o vindeiro sábado no Multiusos e foi presentado esta mañá no Concello

Esta mañá realizouse no Concello de Mos a presentación do Festival Folclórico InteRitmos, que se celebrará o vindeiro sábado 29 de xuño ás 20.00 horas no Multiusos de Mos. Neste acto matinal estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Marta Iglesias, deputada provincial, Marco Antonio García Rodríguez, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural MAIV Baixo Miño, e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura.

InteRitmos é un proxecto plurianual, financiado polo Ministerio de Agricultura e levado a cabo por 12 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, Cantabria, Salamanca, Extremadura e Andalucía, que busca a recuperación, a valorización e a difusión do patrimonio musical tradicional do rural, intentando que esta posta en valor repercuta económicamente nos territorios a través da promoción turística dos mesmos.

Nos anos 2011 e 2012 elaborouse, a través dun intenso traballo de campo, un diagnóstico da música tradicional en cada un dos territorios para poder coñecer a realidade da música tradicional no rural.

No momento actual, iníciase a fase de posta en valor das músicas dos distintos territorios, comenzando polo desenvolvemento en cada un deles dun certame musical. No caso do GDR da Área Intermunicipal de Vigo-Baixo Miño, terá lugar o próximo SÁBADO 29 DE XUÑO ÁS 20:00 HORAS NO MULTIUSOS DAS POZAS DE MOS, e para a súa celebración cóntase coa colaboración no proxecto do Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra.

A mediados do mes de maio abriuse durante quince días o prazo de inscrición no Certame e, finalizado o mesmo, contarase coa participación de dez grupos que responden á variedade e ao dinamismo que a música de tradición galega ten na nosa bisbarra.

A presenza de grupos e bandas de gaitas, cantareiras, treboeiros, grupos folk ou corais que interpretan temas que beben nas raíces da música galega, garante a representatividade e a evolución do noso folclore nesta atractiva xornada musical.

  • A relación dos grupos participantes é a seguinte:
  • Gandariño (O Porriño)
  • Banda de Gaitas Atlántida de Matamá (Vigo)
  • Airiños Novos de Pinzás (Tomiño)
  • Coral Santa María de Pazos (Pazos de Borbén)
  • Abeleiras de Alxán (Soutomaior)
  • Lumeirada (O Porriño)
  • Dúo Xulio Lorenzo e Xavi Collazo (Mos)
  • Treboeiros da Muimenta (Tomiño)
  • Pandereteiras A Buxaina de Coruxo (Vigo)
  • Coral A Raíña de Cedeira (Redondela)

Para cumplir esa intención de promoción da nosa música, os galardóns para os gañadores, ademais dun trofeo conmemorativo, consistirán na participación, no caso dos dous primeiros clasificados, na grabación dun CD recopilatorio a nivel nacional xunto cos vencedores dos outros territorios. Para os tres seguintes clasificados, a Deputación de Pontevedra ofrécelles a posibilidade de editar, maquetar e imprimirlles un folleto promocional da súa historia e o seu facer musical.