Mos acolle por segundo ano un curso de adestramento canino da Policía Nacional

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A acción formativa conta con 20 alumnos e os seus respectivos cans, que reciben clases nas dependencias do Servizo Municipal de Emerxencias

 

As instalacións do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos acolle, por segundo ano consecutivo, un curso de adestramento canino organizado pola Unión Federal de Policía (UFP), coa colaboración da Unión de Gardas Civís (UGC).

 

A diferencia da acción formativa do ano pasado que era de iniciación, a que se está a impartir estes días nas dependencias municipais mosenses consiste nun curso avanzado con contidos en adestramento de obediencia, corrección de condutas e psicoloxía canina. A duración do curso é de dous días, hoxe e mañá, en horario de 09.00 horas a 13.00 horas; durante os que se pretende que os alumnos, donos de cans, saian capacitados para o adestramento dos mesmos.

 

Están a recibir estas clases avanzadas de adestramento un total de 20 alumnos cos seus respectivos cans. Entre esta vintena de participantes atópanse policías locais, policías nacionais, gardas civís e membros do Grupo de Busca e Rescate de Protección Civil de Ponteareas, procedentes de toda a xeografía autonómica, concretamente de Monforte, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ponteareas. Os participantes foron visitados esta mañá durante a presentación do curso pola concelleira de Medio Ambiente e responsable do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, Julia Loureiro.

 

Os cans, propiedade particular dos axentes que cursan esta acción formativa, son de diversas razas tales coma Pastor Alemán (os máis abundantes), Schnaucer Xigante, Boxer, Aire Dale Terrier, Golden Retriever, Pastor Belga Malinois, Pastor Belga Groenendael e mestizo.

 

O instructor deste curso, Miguel Ángel Quinteiro Alonso, é un policía nacional que leva preto de 20 anos, dende o 1995, adicándose ó adestramento canino e que xa impartiu o curso de iniciación en Mos o ano pasado.

 

Segundo declaran dende a Unión Federal de Policía, entre outros obxectivos, coa organización destes cursos preténdese apoiar a demanda de crear unha Unidade de Guías Caninos no corpo da Policía Nacional da Comisaría de Vigo, xa que a única unidade deste tipo en Galicia atópase na Coruña. A pretensión da UFP é formar unha unidade para Vigo que apoie á de Seguridade Cidadá e ós Grupos Especializados.