Mos acolle un cocido solidario en favor das persoas con parálise cerebral

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Federación Galega de Parálise Cerebral, coa colaboración do Concello de Mos, organiza este evento solidario o día 23 de febreiro

 

Esta mañá presentouse no salón de sesións do Concello de Mos un cocido solidario que se levará a cabo o 23 de febreiro no Multiusos das Pozas e que está organizado pola Federación ASPACE. No acto de presentación estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, a edil de Participación Cidadá, Kely Monzón, o concelleiro mosense Camilo Augusto; así coma Miguel Ángel Fernández, responsable de Marketing e Comunicación de ASPACE, Carlos Rodríguez Cerdeira, Secretario Xeral da Asociación de Catering e Colectividades de Galicia, e Juan Gómez Cabo, representante de Marketing Tangible Sociocooperativa, que é a empresa dinamizadora deste evento solidario.

 

Todos eles destacaron o carácter solidario do evento, que ten como finalidade recadar fondos para o mantemento dos programas e servizos que ASPACE-Galicia ofrece ao colectivo de persoas con parálise cerebral e as súas familias. A rexedora local mosense, en concreto, quixo agradecer a súa colaboración a tódalas entidades implicadas neste proxecto e desexou que “o día 23 o Multiusos se quede pequeno e logre congregar a tantos comensais que a recadación estea a altura desta iniciativa exemplar e altruísta”.

 

Solidariedade e gastronomía únense nun cocido solidario organizado pola Federación Galega de Parálise Cerebral (ASPACE-Galicia), coa colaboración do Concello de Mos e cinco empresas patrocinadoras, que se celebrará o sábado 23 de febreiro no Multiusos de Mos.

 

Entre as empresas patrocinadoras encóntranse a Asociación de Catering e Colectividades de Galicia, Axencia de Desenvolvemento Rural, Tu Menús Catering, Coca Cola e Señorío de Rubiós.

 

O lugar que acollerá o cocido solidario será o Multiusos de Mos, e celebrarase ao longo do día 23 de febreiro. O custo dos pratos será de 30 euros.

 

FEDERACIÓN ASPACE-GALICIA

Federación ASPACE – Galicia (Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou patoloxías afíns) nace en 1999 coa finalidade de promover a coordinación e cooperación entre asociacións de parálise cerebral e outras entidades en Galicia, de modo que a unión e a forza destas logre a igualdade de oportunidades para as persoas con parálise cerebral. A entidade integra ás asociacións APAMP (Vigo), Amencer ASPACE (Pontevedra), ASPACE Coruña (A Coruña), ASPACE-Lugo (Lugo) e Hoxe por Mañá (Vigo).