Mos acolle un concurso escolar de cuñas radiofónicas con motivo do Día das Letras Galegas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os gañadores da fase local realizarán un obradoiro en Radio Mos e os da fase autonómica un programa na Radio Galega

 

O tenente alcalde mosense, concelleiro de Formación e Emprego e responsable das instalacións do CDL (Centro de Desenvolmento Local) de Mos, Óscar Soto, informou hoxe da apertura do prazo de presentación de candidaturas a un concurso de cuñas promocionais do uso do galego.

 

Esta iniciativa está promovida pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia con motivo da vindeira celebración do Día das Letras Galegas 2014 e leva por título O galego na onda. O concurso levarase a cabo tan só nos concellos que conten con Radio Municipal, tal é o caso de Mos, e vai dirixida ós alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obligatoria, individualmente ou en grupos de ata 4 persoas.

 

O prazo de presentación de ficheiros de audio coas cuñas rematará o propio 17 de maio, Día das Letras Galegas, e ditos ficheiros deberán ser depositados ou enviados nun CD ao enderezo do Centro de Desenvolvemento Local de Mos: Estrada Peinador, nº 39. O CD deberá ir nun sobre rotulado cun título e coa categoría en que compite. Xunto ó CD deberá entregarse un sobre pechado onde consten os seguintes datos: nome, apelidos e idade dos concursantes, centro educativo no que estudan e teléfono de contacto. En caso de que na cuña se usase música con licenza Creative Commons, deberá facerse constar a autoría, co fin de que poida ser divulgada canda a cuña.

 

Os interesados en obter máis información sobre este concurso poden chamar ó teléfono do CDL de Mos, 986 48 77 86.

 

O edil Óscar Soto explicaba esta mañá os obxectivos desta actividade que non son outros que “promover a reflexión sobre a lingua galega e a súa valoración positiva entre a mocidade do Concello de Mos, difundir as posibilidades da comunicación radiofónica entre os xoves e incrementar a percepción do galego como lingua útil para a comunicación mediática”.

 

Os participantes no concurso dividiranse en dúas categorías: Categoría A integrada polos alumnos matriculados nos primeiro e segundo cursos da ESO e Categoría B composta polos matriculados nos terceiro e cuarto cursos da ESO.

Condicións das cuñas

As cuñas de radio participantes deberán cumprir unha serie de condicións tales coma ser inéditas, estar gravadas en lingua galega e estar orientadas a promover o seu uso e valoración social. Poderán incorporar música sempre que esta sexa orixinal ou conte con licenza Creative Commons. Non poderán exceder os 60 segundos de duración. Cada participante ou grupo participante poderá enviar un máximo de dúas cuñas ao concurso. Teranse en conta o grao de elaboración da mensaxe, a orixinalidade e a calidade da lingua. A organización do concurso rexeitará calquera mensaxe en que aprecie carácter discriminatorio ou ofensivo.

 

Outorgaranse un primeiro e un segundo premio por categoría consistentes nun obradoiro de radio impartido na Radio Municipal de Mos. Os gañadores dos primeiros premios, ademais, entrarán nunha segunda fase do concurso en que a súa cuña competirá coas gañadoras dos outros concellos da Rede de Dinamización Lingüística onde se desenvolve esta actividade. Os gañadores da segunda fase do concurso recibirán como premio a realización dun programa radiofónico na Radio Galega coa colaboración de profesionais deste medio e un lote de libros.

 

O xurado da fase local estará formado polos representantes titulares do Concello na Rede de Dinamización Lingüística ou persoa en quen deleguen, por un locutor ou locutora da radio onde se vai desenvolver o obradoiro para os equipos gañadores e por unha persoa designada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado da fase autonómica estará formado polo presidente da Rede de Dinamización Lingüística ou persoa en quen delegue e por profesionais da radiodifusión. O xurado do concurso reunirase unha vez rematado o prazo de entrega e elixirá as catro cuñas gañadoras antes do 10 de xuño de 2014.

 

Os nomes das persoas gañadoras publicaranse na web do Concello e na da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Estas entidades tamén poderán difundir as cuñas gañadoras.

 

O obradoiro de radio realizarase a partir do mes de setembro nas dependencias da Radio municipal de Mos. Rematados os obradoiros, resolverase a fase autonómica.