Mos acolle unha exposición e conferencias sobre o cooperativismo como opción de autoemprego

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Será a vindeira semana no Multiusos mosense baixo o título ‘Descubre as Cooperativas’

 

O concelleiro mosense de Formación e Emprego, Óscar Soto, anunciou esta mañá que a vindeira semana, do martes 23 de  abril ó venres 26, o Multiusos de Mos albergará unha exposición, -en horario de 10.00 horas a 14.00 horas da mañá e de 17.00 horas a 20.00 horas da tarde-, sobre cooperativismo baixo o título de ‘Descubre as Cooperativas’ que organizan conxuntamente a dirección xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, dependente da consellería de Traballo e Benestar, e o Consello Galego de Cooperativas.

 

Incluída nesta exposición celebrarase unha conferencia sobre cooperativas, o xoves 25 de abril en horario de 10.30 horas a 14.00 horas tamén no Multiusos, á que asistirán, entre outros ponentes, un responsable da consellería de Traballo e Benestar. Os destinatarios desta xornada de conferencias son persoas en situación de desemprego, persoas emprendedoras que estean a valorar a iniciativa do autoemprego, persoas, asociacións e institucións interesadas no cooperativismo e na economía social; e público en xeral, que poderán escoitar experiencias en primeira persoa coma a de Ramón Carmelo, xerente da Federación de Cooperativas de Sinerxia. O título desta xornada é ‘Cooperativismo unha resposta a crise, unha alternativa de emprego’.

 

Sobre este tema Soto explicou hoxe que a fórmula cooperativa preséntase como unha importante alternativa de autoemprego para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial viable e queren levala adiante cuns valores de igualdade, axuda mutua e responsabiliade compartida. A exposición encádrase na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, unha iniciativa da consellería de Traballo e Benestar, cofinanciada polo Fondo Social Europeo. Os obxectivos desta mostra son a posta en marcha de novos proxectos cooperativos e a consolidación das empresas de economía social xa existentes.

 

A exposición ‘Descubre as cooperativas’ é un percorrido dinámico e interactivo polas potencialidades e solucións que ofrece o cooperativismo como modelo empresarial capaz de manter e crear emprego nun contexto de crise económica como o que estamos vivindo, informou o concelleiro Óscar Soto.

 

Esta exposición, organizada a través da dirección xeral de Traballo e Economía Social, permitirá ós seus visitantes coñecer as claves do modelo cooperativo tales como: que son as cooperativas, tipos de cooperativas que existen, como funcionan, cales son os seus valores, que pasos dar para crear unha, e que apoios existen.

 

A Lei Galega de Cooperativas regula ás cooperativas da comunidade autónoma, pero hai moitos aspectos que a Lei deixa abertos para que cada cooperativa se autorregule, como os estatutos e o regulamento interno. Nos estatutos fíxase o capital e o consello reitor entre outras moitas cuestións, son públicos e inscríbense no Rexistro de Cooperativas. No regulamento interno fíxanse as normas de convivencia, prestación do traballo e funcionamento diario.

 

Para constituír unha cooperativa, entre todos os socios e socias deben achegar un capital mínimo de 3.600 euros, que non ten que ser exclusivamente en diñeiro. A achega de cada persoa socia ó capital da cooperativa non ten por que ser de igual importe. A participación máxima dunha persoa socia no capital social da cooperativa debe ser inferior ó 50% deste. Os beneficios da cooperativa deben repartirse do seguinte xeito: un 5% destinarase a formación, un 20% será investido na propia organización, e o 75% restante quedará á libre disposición da asemblea xeral das persoas socias.

 

As persoas interesadas en crear unha cooperativa poderán optar a varias axudas: axudas para o asesoramento e acompañamento de proxectos que comprende desde a realización de actividades previas ó inicio da actividade, axudas para estudos de viabilidade, axudas á cooperativa pola incorporación de persoas desempregadas como socias traballadoras, axudas ás persoas socias traballadoras que se incorporan á cooperativa para efectuar a súa achega ó capital social, axudas para a formación das persoas socias en dirección e xestión empresarial e tecnoloxías da información e as comunicacións; e axudas para a contratación de persoal de dirección ou xerencia necesario para a viabilidade da cooperativa.