Mos acolle unha xornada formativa sobre as cooperativas como alternativa de autoemprego

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Na presentación da mesma estivo presente o subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social, Xoán Miguel Concheiro

 

Esta mañá celebrouse no Multiusos mosense o acto de presentación da xornada de conferencias titulada ‘Cooperativismo unha resposta a crise, unha alternativa de emprego’, que organizan conxuntamente a dirección xeral de Traballo e Economía Social, o Fondo Social Europeo, o Consello Galego de Cooperativas, a Oficina de Cooperativismo da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, a Rede Eusumo e o Concello de Mos.

 

Neste acto de apertura estiveron presentes Nidia María Arévalo Gómez, alcaldesa de Mos; Xoán Miguel Concheiro Abal, subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social; Erika Jaraiz Gulías, xerente da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo e Óscar Soto, tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego do Concello de Mos.

 

Dende o pasado martes 23 de abril e ata mañán, o Multiusos de Mos alberga unha exposición, -en horario de 10.00 horas a 14.00 horas da mañá e de 17.00 horas a 20.00 horas da tarde-, sobre cooperativismo baixo o título de ‘Descubre as Cooperativas’. Incluída nesta exposición celebrouse a xornada de hoxe sobre cooperativas, en horario de 10.30 horas a 14.00 horas, tamén no Multiusos.

 

Os destinatarios desta xornada de conferencias foron persoas en situación de desemprego, persoas emprendedoras que estean a valorar a iniciativa do autoemprego, persoas, asociacións e institucións interesadas no cooperativismo e na economía social; e público en xeral, que puideron escoitar experiencias en primeira persoa coma a de Ramón Carmelo, xerente da Federación de Cooperativas SINERXIA.

 

Durante a súa intervención na presentación desta mañá Nidia Arévalo, rexedora local mosense, fixo un repaso por tódalas iniciativas que dende o departamento municipal de Formación e Emprego se levan a cabo, sumándoselles agora esta exposición e xornadas sobre cooperativismo; polo que felicitou ó edil responsable desta concellería, Óscar Soto. Asimesmo animou ós asistentes a poñer en práctica o aprendido durante as conferencias desta mañá e, incluso, emprender unha idea empresarial materializada en cooperativa que lles serva como alternativa de autoemprego dado o elevado índice de paro motivado pola actual crise.

 

Pola súa banda o subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social, Xoán Miguel Concheiro aportou datos alentadores sobre o número de cooperativas creadas anualmente que pasou de 42 en 2010, a 48 en 2011, e 58 cooperativas creadas o longo do pasado ano 2012. “Aínda que non é sinxelo poñer en marcha unha idea empresarial por medio dunha cooperativa, a pesar de todo actualmente en Galicia se está a crear emprego dende a economía social”, declarou Concheiro, que animou ós emprendedores a poñer en marcha proxectos empresariais a través de cooperativas, xa que supoñen un xeito barato de emprender posto que se comparten gastos e espacios. Actualmente na Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo existen cinco grupos promotores traballando para poder converterse en cooperativas.

 

Sobre este tema Óscar Soto explicou que a fórmula cooperativa preséntase como unha importante alternativa de autoemprego para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial viable e queren levala adiante cuns valores de igualdade, axuda mutua e responsabiliade compartida.

 

A exposición

 

Os obxectivos desta mostra son a posta en marcha de novos proxectos cooperativos e a consolidación das empresas de economía social xa existentes.

 

A exposición ‘Descubre as cooperativas’ é un percorrido dinámico e interactivo polas potencialidades e solucións que ofrece o cooperativismo como modelo empresarial capaz de manter e crear emprego nun contexto de crise económica como o que estamos vivindo.

 

Esta exposición, organizada a través da dirección xeral de Traballo e Economía Social, permite ós seus visitantes coñecer as claves do modelo cooperativo tales como: que son as cooperativas, tipos de cooperativas que existen, como funcionan, cales son os seus valores, que pasos dar para crear unha, e que apoios existen.

 

A Lei Galega de Cooperativas regula ás cooperativas da comunidade autónoma, pero hai moitos aspectos que a Lei deixa abertos para que cada cooperativa se autorregule, como os estatutos e o regulamento interno. Nos estatutos fíxase o capital e o consello reitor entre outras moitas cuestións, son públicos e inscríbense no Rexistro de Cooperativas. No regulamento interno fíxanse as normas de convivencia, prestación do traballo e funcionamento diario.

 

Para constituír unha cooperativa, entre todos os socios e socias deben achegar un capital mínimo de 3.600 euros, que non ten que ser exclusivamente en diñeiro. A achega de cada persoa socia ó capital da cooperativa non ten por que ser de igual importe. A participación máxima dunha persoa socia no capital social da cooperativa debe ser inferior ó 50% deste. Os beneficios da cooperativa deben repartirse do seguinte xeito: un 5% destinarase a formación, un 20% será investido na propia organización, e o 75% restante quedará á libre disposición da asemblea xeral das persoas socias.

 

As persoas interesadas en crear unha cooperativa poderán optar a varias axudas: axudas para o asesoramento e acompañamento de proxectos que comprende desde a realización de actividades previas ó inicio da actividade, axudas para estudos de viabilidade, axudas á cooperativa pola incorporación de persoas desempregadas como socias traballadoras, axudas ás persoas socias traballadoras que se incorporan á cooperativa para efectuar a súa achega ó capital social, axudas para a formación das persoas socias en dirección e xestión empresarial e tecnoloxías da información e as comunicacións; e axudas para a contratación de persoal de dirección ou xerencia necesario para a viabilidade da cooperativa.