Mos acolleu a tres alumnas en prácticas do curso de Auxiliar Técnico de Protección Civil

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As xoves traballaron man a man cos membros do Servizo Municipal de Emerxencias e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil mosense

Hoxe remataron o seu período de prácticas no Concello de Mos tres mulleres aspirantes a Auxiliar Técnico de Protección Civil. Os seus nomes son Ana Rodríguez Solla, Silvia Rodríguez Ocampo e Fátima Ferreira Barros.

Estas xoves realizaron as súas prácticas profesionais traballando codo con codo cos membros do Servizo Municipal de Emerxencias e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos. Para agradecer a súa colaboración e o seu bo facer neste período de prácticas achegouse esta mañá a despedilas a concelleira mosense de Persoal e responsable de Protección Civil, Julia Loureiro.

As prácticas profesionais realizadas por Ana, Silvia e Fátima no Concello de Mos forman parte obrigatoria dun curso AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Xunta de Galicia para a obtención, como se mencionou anteriormente, da titulación de Auxiliar Técnico de Protección Civil.

Estas tres mulleres cursaron a súa formación teórica en Seganosa, unha empresa adicada á formación coa que o Concello de Mos ten asinado un convenio de colaboración polo que foi posible que puideran realizar as súas prácticas neste municipio.

Tras as clases teóricas, que se prolongaron un total de 578 horas, chegou o período de prácticas que Ana Rodríguez, Silvia Rodríguez e Fátima Ferreira puideron cursar en Mos; onde interviron activamente na campaña educativa sobre seguridade vial titulada ‘Conducir non é un xogo’ que se impartiu recentemente nos colexios mosenses, compartiron e participaron nalgunhas gardas do Servizo Municipal de Emerxencias, acudiron á localización dun verquido no Arroio Perral e á asistencia de varios accidentes de tráfico entre outras tarefas que, aseguran, lles aportaron unha parte importante da experiencia necesaria para poder traballar como profesionais de Protección Civil.