Mos acomete dúas novas obras de saneamento financiadas pola Deputación

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os traballos a realizar, nas zonas da Rúa e a Fonte nas parroquias de Mos e Petelos, respectivamente, suman unha lonxitude de preto dun kilómetro e un orzamento de 60.000 euros

 

O concelleiro de Saneamento e Abastecemento mosense, Camilo Augusto, informou hoxe de dúas obras de alcantarillado que beneficiarán ás parroquias de Mos e Petelos. Ambas pertencen a un proxecto de saneamento que a Deputación de Pontevedra acomete na localidade mosense e, entre as dúas, suman un orzamento total de 60.000 euros.

 

Os traballos na parroquia de Mos, que xa se atopan iniciados, corresponden a un tramo na zona da Rúa e representan a prolongación doutro tramo xa preexistente. Con esta obra, de uns 300 metros de lonxitude, darase servizo ás vivendas do lugar que quedaban pendentes de acometida, quedando deste xeito cuberto o 100% do servizo de saneamento na zona da Rúa.

 

Ademais das obras na parroquia de Mos, iniciaranse en breve outras, tamén de instalación da rede de saneamento, na zona da Fonte na parroquia de Petelos. Estes traballos acometeranse ó longo dun tramo de 600 metros de lonxitude aproximadamente e dará servizo a uns 50 veciños e veciñas do lugar.

 

A da Fonte era unha zona que levaba moito tempo demandando que se lle dotase de servizo de saneamento, demanda que agora, en breve, será unha realidade. Unha vez rematada esta obra, a parroquia de Petelos quedará situada nun alto porcentaxe de execución en materia de saneamento. Porcentaxe que superará o 90%.

 

Entre estes dous traballos en dúas parroquias mosenses, Petelos e Mos, acometerase unha instalación de alcantarillado que rondará o kilómetro de lonxitude.

 

Sobre estes traballos que actualmente se están a levar a cabo, Camilo Augusto declarou que “demostran, unha vez máis, que o equipo de goberno local mosense continúa a súa aposta polo saneamento como unha das principais prioridades da súa política de xestión municipal, e que seguiremos traballando tan intensamente coma ata o de agora ata chegar a lograr o saneamento integral en cada unha das dez parroquias mosenses e, polo tanto, en todo o Concello de Mos”.