Mos acometerá preto de dous kilómetros de alcantarillado e preto de tres kilómetros de asfaltado gracias a un Plan de Investimentos da Deputación

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Plan contempla tres obras de acometida de saneamento e outras tres de pavimentación de viais

O equipo de goberno de Mos levou á Xunta Local de Goberno celebrada esta tarde no Concello o Plan de Investimentos e Gastos Correntes da Deputación de Pontevedra para o ano 2012 na localidade mosense. En total executaranse en Mos dous proxectos, un de asfaltado e outro de saneamento. Cada un dos dous proxectos inclúe un total de tres obras.

A inversión total que fará a administración provincial en Mos por medio deste plan ascende a preto de 294.000 euros entre os dous proxectos, dos cales o de asfaltado suporá uns 177.500 euros, e o de alcantarillado sobre 116.500 euros.

O proxecto de saneamento suporá unha mellora da rede de saneamento municipal en Cela, Zapateira e Xuguiño. A instalación do alcantarillado na parroquia de Cela localizarase máis concretamente en San Cosme, onde se acometerá un tramo duns 500 metros aproximadamente. Pola súa banda o tramo de saneamento a instalar en Zapateira, parroquia de Mos, será duns 700 metros; e o de Xuguiño alcanzará tamén os 500 metros. Máis dun kilómetro e medio a maiores de rede de alcantarillado en Mos gracias a este proxecto.

E por outro lado, este Plan de Investimentos contempla tamén un segundo proxecto de mellora da pavimentación nos camiños dos Santos Reis, dos Pozos do Monte ou de Cotofe, e do Seixo.

Ademais da pavimentación, os traballos a realizar no Camiño dos Santos Reis, na Parroquia de Pereiras, inclúe o desbroce das marxes do mesmo, a preparación de superficies, así coma a extensión de aglomerado e reposición de tapas nunha lonxitude duns 200 metros.

O Camiño do Seixo, na parroquia de Tameiga, require tamén, ademais de pavimentación, desbroce, preparación de superficies, extensión de aglomerado e reparación de tapas nun tramo de 700 metros.

 Cotofe

 E por último a obra no Camiño dos Pozos do Monte ou de Cotofe, na parroquia de Torroso, trátase da reparación máis necesaria e podería decirse que, neste sentido, a máis importante.

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Alberto Méndez, levan tempo insistindo ante distintas administracións sobre a urxencia da mellora deste vial. Mellora que por fin conseguiron, e esta obra tan necesaria será pronto unha realidade.

Este camiño na parroquia de Torroso tratábase da máxima prioridade nestes momentos para Mos en canto ó que a arranxo de viais se refire. E é que as condicións nas que se atopa actualmente a Estrada de Cotofe son pésimas e dito actual estado de deterioro implica perigo tanto para conductores como para viandantes.

Neste sentido, Nidia Arévalo insiste na necesidade e na urxencia da execución desta mellora en aras de potenciar a seguridade vial na zona. A obra a acometer neste vial incluirá a rehabilitación estructural dos 2 kilómetros que mide a estrada, isto é, levantarase por completo a totalidade do firme e reasfaltarase o vial enteiro. Ademais, o proxecto inclúe a drenaxe das augas pluviais coa instalación de cunetas, o desbroce das marxes do camiño e a reposición de tapas.

En total, entre os tres camiños, asfaltaranse preto de 3 kilómetros gracias a este Plan de Investimentos da Deputación.

NOTA IMPORTANTE: ESTA TARDE ÁS 17.00 HORAS ENVIARANSE FOTOGRAFÍAS DA XUNTA LOCAL DE GOBERNO QUE ILUSTREN ESTA NOTA DE PRENSA.