Mos adapta a súa Ordenanza de Medio Ambiente ó Decreto da Xunta que regula os furanchos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A partir de agora o permiso de apertura tramitarase por Declaración Responsable e os rexentes do furancho deberán elixir 5 tapas a servir de entre un listado de 11

 

A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, informou de que mañán se levará a Pleno a aprobación da modificación da Ordenanza Xeral de Medio Ambiente do Concello de Mos referida á regulación dos furanchos.

 

A edil explicou que dita modificación “faise necesaria ó ter sacado a Xunta de Galicia o Decreto 215/2012 de 31 de outubro, que regula os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia e polo que os Concellos deben adaptarse e actualizar a Ordenanza municipal de Medio Ambiente que regula apertura de ditos locais”. De ahí que mañán sexa levada a Pleno a modificación da mencionada Ordenanza.

 

Como novidades respecto da actual Ordenanza, a modificación da mesma implicará que o permiso de apertura de furancho en Mos se tramitará por Declaración Responsable seguida das pertinentes inspeccións técnicas e xurídicas por parte da administración local, que este tipo de locais poderán ser ubicados en todo o termo municipal mosense; e que os furanchos que logren o permiso de apertura nesta localidade deberán elixir 5 tapas a servir de entre as 11 que se establecen na Ordenanza.

 

O período máximo de apertura por cada furancho continuará a ser de tres meses, tempo que deberá estar comprendido entre as datas do 1 de decembro ó 30 de xuño.

 

Sobre as licenzas para a apertura de furanchos a concelleira responsable quixo deixar claro que, “dende o Concello seremos moi rigurosos controlando que cada furancho acredite que todo se atopa en regra para poder ter as súas portas abertas ó público e evitar así que se poidan ver perxudicados os negocios de hostelería da localidade que permanecen abertos todo o ano; sen pretender con isto tampouco poñer ningunha traba ós propietarios de furanchos, senón esixir nin máis nin menos que o que marca a lei”.