Mos adxudica a Ludoteca Municipal que abrirá as súas portas nas vindeiras semanas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O procedemento de contratación da xestión deste servizo chegou ó seu fin coa firma do contrato por parte da empresa adxudicataria

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Benestar Social, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que o Concello xa conta coa empresa adxudicataria da xestión do Servizo Público de Ludoteca Municipal, sita en San Rafael, parroquia de Pereiras.

 

O edificio que alberga as dependencias da Ludoteca Municipal está reformado íntegramente, totalmente adaptado, amoblado e equipado con material didáctico, segundo explicou a edil Sara Cebreiro. A capacidade máxima do centro é de 40 prazas para 40 nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade que deberán estar empadroados e escolarizados en Mos.

 

O local da ludoteca conta cunha superficie total de 173,28 metros cadrados repartidos entre dúas aulas, un almacén, tres aseos e un hall de entrada. A maiores as instalacións contan cun patio exterior orientado á realización de xogos infantís ó aire libre que ten unhas dimensións de 620 metros cadrados.

 

A rexedora local mosense declarou sobre o obxectivo da adxdicación do contrato do servizo de ludoteca que “é principalmente fomentar a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais traballadores veciños do Concello de Mos”. Ademais, e a este respecto, a concelleira responsable da Ludoteca Municipal apuntou que “o servizo irá orientado sobre todo a desenvolver e fomentar todas as súas actividades diarias organizadas en relación ó xogo infantil”.

 

Presentación de ofertas

 

Presentáronse ó concurso para prestar o servizo de Ludoteca Municipal un total de tres empresas interesadas, entre as cales unha resultou adxudicataria. Segundo explicou Cebreiro a duración do contrato de concesión do servizo de Ludoteca Municipal será de dous anos prorrogables a outros dous máis, e que tanto o horario de apertura como as tarifas (prezos para os usuarios) da ludoteca as establece a propia empresa concesionaria e foron uns dos criterios máis valorados á hora de adxudicar o contrato, xunto co proxecto educativo deseñado.

 

A Ludoteca contará cun horario flexible, adaptado ás necesidades dos usuarios, que durante o período escolar abarcará de 16.00 horas a 20.00 horas e durante o período vacacional de 08.00 horas a 14.00 horas.

 

O servizo de Ludoteca contará con descontos especiais durante o Nadal e a Semana Santa para as familias que teñan contratada unha tarifa mensual, e que aboarán nesas datas soamente a parte proporcional do número de horas a maiores. Ademais, no caso de familias que contraten o servizo para máis de un fillo terán un desconto do 10% nas tarifas mensuais cando se trate do segundo fillo e do 15% cando se trate do terceiro fillo.

 

Proxecto educativo

 

A entidade xestora da Ludoteca Municipal de San Rafael organizaráa como un espazo aberto e integrado plenamente na comunidade mosense, que preste un servizo flexible e adaptativo que permita ás familias poder levar a cabo unha conciliación familiar satisfactoria. Os principios educativos que rexirán o funcionamento da Ludoteca serán a liberdade na acción e na creación nun entorno planificado e a participación democrática tanto do equipo educativo como dos participantes. Todo elo partindo dunha metodoloxía activa e participativa onde os rapaces e rapazas non son meros receptores, senón que se sitúan como entes activos e creadores.

 

Ademais os nenos e nenas terán á súa disposición ó equipo educativo en todo momento para poder facer peticións, expresar queixas ou melloras, para facilitar o proceso de adaptación real ós gustos do grupo. Os pais tamén poderán avaliar o servizo de Ludoteca en reunións co equipo educativo ou mediante o buzón de suxerencias e enquisas avaliativas.

 

Poderán ser usuarios da Ludoteca Municipal de Mos nenos e nenas de ata 12 anos de idade que aprenderán xogando mediante obradoiros, xogo libre, deportes, contacontos, reciclaxe, xardiñeiría, cociña e repostería creativa, actividades ó aire libre, psicomotricidade, préstamo de xogos e xoguetes, saídas e actividades temáticas. Todo impartido e coordinado por pedagogos e persoal cualificado.