Mos adxudica a obra da edificación deportiva destinada a ximnasio no Campo de Cototorrón

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Os preto de 200 xogadores do club Louro Tameiga poderán facer uso esta tempada da nova construción

A próxima semana quedará adxudicada por parte do Concello de Mos a obra de construción do edificio que se proxecta no Campo de Fútbol de Cototorrón, para que os cativos do Club Louro Tameiga poidan gozar do novo ximnasio durante a presente tempada. A nova edificación pasará a formar parte do complexo deportivo de San Eleuterio, formado por un campo de fútbol de herba artificial, bancadas para espectadores, vestiarios, bar-cantina, etc.

Con esta intervención preténdese seguir completando o programa deportivo dos preto de 200 xogadores e xogadoras de distintas categorías que forman parte do Club Louro Tameiga, dotando ao conxunto dunha edificación destinada a ximnasio. Proponse tamén a construción dunha marquesiña que cubra e protexa o espazo exterior dedicado a eventos, que funciona ao mesmo tempo como recibidor-distribuidor do conxunto de pequenas edificacións que alí se emprazan.

As obras levaranse a cabo no extremo norte do conxunto deportivo de Cototorrón, sumándose ao grupo de edificacións máis recentes alí executadas.

A edificación proxectada componse dun único volume e tipoloxía illada con forma
prismática e de planta baixa. A superficie útil do ximnasio será de 79,35 m² e a superficie construida de 91,38 m².

O orzamento ascende a 48.333,45 euros e conta con subvención do Plan Concellos 2019.

Tal e como se describiu anteriormente, a edificación proxectada emprazarase integrándose nun conxunto xa consolidado desde outrora. Para iso, procedeuse ao desmonte do terreo, xerando unha plataforma horizontal que permitise a construción dun campo de fútbol, así como todas as edificacións necesarias nas marxes do mesmo. En parte da devandita plataforma, no extremo máis noroeste, situarase o ximnasio proxectado. O acceso á edificación, realízase directamente desde o vial público, a través dunha das entradas xerais ao recinto, resolta mediante unha rampa.

 

A estrutura portante da cuberta resólvese mediante alicerces metálicos sobre zapatas illadas de formigón armado. A cuberta será a unha auga, cunha pendente aproximada do 6%. Interiormente a peza remátase nos seus paramentos verticais enfoscando a fábrica de bloques de formigón, con acabado final a base de pintura branca mate. Para o chan prescríbese un pavimento continuo a base de formigón puído. O edificio dispón de instalación eléctrica, instalación de auga fría e quente, instalación de saneamento e instalación de calefacción con combustible líquido (gasoil) a base de radiadores.