Mos adxudica o expediente de contratación do Servizo de Axuda a Domicilio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ó ano benefícianse sobre 50 familias mosenses desta axuda prestada dende o departamento de Benestar Social

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que se levará a aprobación á Xunta Local de Goberno, que se celebrará mañán pola mañá, a adxudicación do expediente de contratación da empresa concesionaria que se encargará de prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Mos. Esta contratación realízase mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria.

 

O contrato ten unha duración dun ano prorrogable a outro ano máis por acordo expreso de ambas partes, empresa e administración local; aínda que en calquera caso a duración do contrato quedará vinculada a un posible traspaso de competencias en materia de Servizos Sociais á Xunta de Galicia. O orzamento, IVE incluído, para os vindeiros dous anos de prestación deste servizo é de preto de 525.000 euros.

 

Durante o ano 2012 beneficiáronse do SAF no Concello de Mos, prestado polo departamento municipal de Benestar Social que dirixe a edil Sara Cebreiro, unhas 50 familias, un número moi importante que demostra a relevancia que este servizo ten no municipio mosense, que incluso conta con lista de espera de usuarios potenciais, demandantes deste servizo.

 

Os beneficiarios deste servizo son preferentemente persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu contorno inmediato, así comoi fogares con menores nos que se observa necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. O Servizo de Axuda no Fogar tamén dá unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias mosenses en risco de exclusión social.

 

Este servizo cobre asistencias ós beneficiarios nos seus respectivos domicilios tales coma atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas na vida diaria, atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, atencións de carácter psicosocial e educativo e, con carácter complementario, este servizo tamén incorpora outros tipos de atención como actividades de acompañamento, prestación de atención a distancia, adaptacións funcionais do fogar, servizo de podoloxía e servizo de fisioterapia.

 

O SAF ten por obxecto prestarlles un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar, facilitando a permanencia no seu propio contorno de convivencia, favorecendo a súa calidade de vida e evitando ou retardando a súa posible institucionalización. Os obxetivos do Servizo de Axuda no Fogar son mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social, retardar ou evitar a institucionalización e reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.