Mos amplía a 50 anos o contrato de dereito de superficie industrial coas empresas arrendatarias de propiedades municipais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O prazo anterior de duración do contrato era de 25 anos e considerábase insuficiente para a posta en marcha e mantemento no tempo de proxectos industriais

 

O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou inicialmente onte en sesión ordinaria mensual a modificación do prazo de duración do dereito de superficie previsto nos pregos aprobados polo Concello en data 30 de abril de 2008.

 

Esta modificación ven motivada, segundo argumentaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Patrimonio, Óscar Soto, porque o prazo preexistente do dereito de superficie era insuficiente, xa que as empresas para implantarse viñan demandando dende fai tempo maior estabilidade.

 

A modificación que onte se levou a aprobación inicial céntrase en concreto no prazo de duración do contrato establecido nos pregos xerais de condicións económico-administrativas dos contratos administrativos especiais de concesión do dereito de superficie en parcelas municipais de uso industrial.

 

O prazo anterior de duración do contrato establecíase en 25 anos, que tras aprobarse inicialmente no Pleno de onte pola tarde a devandita modificación ampliarase a 50 anos, xa que se consideraba, tal e como explica a rexedora local mosense, “o anterior prazo insuficiente para a posta en marcha de proxectos industriais, toda vez que as entidades que teñen amosado o seu interese en instalarse no noso Concello demandan períodos de tempo de duración que garantan, ademais da necesaria estabilidade, o acceso ó crédito”.

 

E é que se trata dun feito que os bancos esixen garantías á hora de concesión dun crédito ás empresas instaladas no Concello; referíndose con garantías á longa duración do dereito de superficie que asegure ó longo do tempo os investimentos realizados.

 

Durante o período de exposición pública da aprobación inicial desta modificación, os interesados poderán presentar e aportar suxerencias ó acordo adoitado. O prazo de exposición pública será de 30 días hábiles a contar dende a publicación do acordo plenario no Boletín Oficial da Provincia, BOP.