Mos amplía a súa campaña de concienciación sobre as colonias de gatos abandoados aos colexios do municipio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A concellería de Medio Ambiente instalará nos centros escolares espazos habilitados para a doazón de alimentos

A concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, informou hoxe de que se ampliará a campaña de concienciación sobre gatos abandoados ós colexios do Concello de Mos. Repartiranse folletos informativos en todos os centros escolares do municipio  e instalarase un recipiente en cada colexio no que os interesados en doar alimento para gatos poidan depositar a súa contribución. Ademais de colaborar con aportacións de alimento os escolares e as súas familias que así o desexen poderán apoiar esta campaña doutros xeitos tales coma: facéndose fogar de acollida, adoptando un gatiño e/ou colaborando como voluntarios/as.

Loureiro aproveitou tamén para comunicar que xa existen varios establecementos comerciais colaboradores coa campaña onde se pode doar alimento para gatos como son Agro Campo, Almacéns Celso, Bar Maceira, Agrícola Rías Baixas e Librería Arco da Vella; e animou a colaborar a todos os establecementos interesados que así o desexen, e que para facelo só teñen que poñerse en contacto telefónicamente co departamento de Medio Ambiente no teléfono 986 09 70 37.

Nos puntos de recollida de alimentos tamén se pode depositar para a súa doazón calquera outro produto para o coidado dos felinos (tales coma pipetas, etc.).

Dende a concellería de Medio Ambiente que dirixe a edil Julia Loureiro, e en colaboración coas protectoras Lena, Refugio de Noé e Colonias Canguesas, e outros particulares voluntarios, púxose en marcha esta campaña de control de colonias de gatos sen dono na rúa baixo o lema ‘Ti decides, esteriliza’.

Os obxectivos desta campaña son a recollida de alimentos e produtos de coidado, a esterilización, adopción e acollida temporal dos gatos das colonias existentes en Mos.

A iniciativa inclúe unha parte de sensibilización mediante o reparto de dípticos informativos. A campaña de esterilización xa foi iniciada por parte do Concello.

A concelleira Loureiro explicou que “esta campaña consiste fundamentalmente en tratar de concienciar á cidadanía sobre as colonias de gatos abandoados e da necesidade de esterilizalos e alimentalos para que vivan nunhas condicións óptimas e salubres e para ter as colonias controladas, sen que aumente o número de membros nin se formen outras novas”.

Todo isto implica uns gastos que son financiados parcialmente polo Concello de Mos, mentres que a parte do alimento espera cubrirse mediante as doazóns. Tamén se intenta captar a voluntarios que colaboren en adopcións e/ou axuden a fomentalas en aras de que as colonias se vaian reducindo. Outra posibilidade son as casas de acollida, isto é, persoas interesadas en coidar aos gatos mentres non son adoptados definitivamente.

Loureiro destacou que a idea desta iniciativa xurdiu dun grupo de voluntarios de Mos e arredores, algún deles pertencentes a algunhas das protectoras anteriormente mencionadas.