Mos amplía o Arquivo Municipal no CDL

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Cinco técnicos da Deputación encárganse dos labores de clasificación e informatización da documentación existente

A concelleira de Urbanismo, Medio Ambiente e Persoal, Julia Loureiro, visitou esta mañá as instalacións do CDL (Centro de Desenvolvemento Local de Mos), na que cinco técnicos da Deputación de Pontevedra están a proceder á instalación de parte do Arquivo Municipal.

Tal e como informaba hoxe Loureiro, esta nova sala de arquivo ven a ser unha continuidade do Arquivo Municipal preexistente, ubicado na Biblioteca Municipal situada na Porteliña, parroquia de Petelos.

Os traballos que os técnicos provinciais están a desenvolver estes días na aula do CDL que será, a partir de agora, empregada como arquivo son, por unha parte o de ordear e colocar físicamente a documentación existente en papel e, por outra banda, o de dixitalización de dito material mediante unha aplicación informática coa que se garante a continuidade da serie numérica que seguía a documentación do arquivo xa existente no Concello.

A edil Julia Loureiro aclarou que esta nova parte do arquivo que se atopa nunha aula do CDL abarcará documentación de tódolos departamentos do Concello de Mos. Os traballos de montaxe desta sala, que comenzaron a semana pasada, está previsto que teñan aproximadamente un mes de duración, prazo que se ampliará se fose necesario. O punto no que ditos traballos se atopan actualmente é a fase de traslado de documentos dende o Concello ata as dependencias do Centro de Desenvolvemento Local.

Para concluir, sobre o labor de habilitar un novo espazo como Arquivo Municipal, a concelleira declarou que “se trataba dun traballo moi necesario xa que levaba moitos anos atrasado”, e asegurou que “con esta posta a punto do Arquivo lograremos facelo máis operativo, algo fundamental para o óptimo funcionamento e a xestión rápida e eficaz da administración local no seu día a día”.