Mos aposta polos servizos prioritarios emprendendo un plan integral de mellora viaria

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O plan, que conta co apoio de diferentes administracións, supón unha inversión en estradas municipais de uns 300.000 euros durante o presente ano 2013

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras mosense, Alberto Méndez, presentaron hoxe o plan integral de mellora da rede viaria municipal co que optimizar o estado dun total de 8 estradas e camiños distribuídos por 6 das 10 parroquias mosenses.

 

Tal e como declarou a rexedora local, “dende o Concello de Mos continuamos a nosa aposta polos servizos prioritarios e nesta ocasión, en lugar de no saneamento e abastecemento, volcámonos nas estradas do municipio que se atopan en peor estado para optimizalas e mellorar a seguridade vial nas mesmas”. Trátase de viais que levaban moitos anos sen ser reparados polo que o seu estado requería unha importante actuación de mellora, actuación que, entre os 8 viais a acometer, sumará unha inversión de preto de 300.000 euros que será asumida gracias á colaboración das administracións autonómica e provincial.

 

Os 8 camiños e estradas mosenses que se melloran gracias a este plan integral son Reguengo, primeira fase de Campo de Eiró, segunda fase de Campo de Eiró, Pedreira, Seixo, Caamaña, Cotofe e Torroeira-Pombal. Mediante estas melloras veranse beneficiadas as seguintes 6 parroquias do Concello de Mos: Petelos, Pereiras, Dornelas, Torroso, Tameiga e Louredo.

 

Nos 8 camiños obxecto destas actuacións realizaranse traballos de pavimentación para a optimización do firme destas estradas velando así pola seguridade vial dos veciños e veciñas de Mos, tanto conductores coma peóns, tal e como explicaba o edil responsable, Alberto Méndez, esta mañá.

 

Os traballos de pavimentación de todos estes camiños requiren labores previas de desbroce, preparación de superficies, extensión de aglomerado e recrecido de pozos. Gracias a estas obras asfaltaranse e melloraranse, en total, preto de 10 kilómetros de vías municipais.

 

Segundo hoxe informaron os representantes locais mosenses, dende a concellería de Vías e Obras preténdese levar a cabo de cara ó vindeiro ano 2014 outro plan integral de mellora da rede vial coma este, para optimizar o estado da maior parte posible das estradas e camiños de Mos.