Mos aposta por un importante reforzo para as execucións subsidiarias de limpeza de fincas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As empresas contratadas, que actuarán dentro do marco do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, iniciarán os traballos o vindeiro mes de maio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron hoxe de que xa se atopan adxudicadas as 3 empresas (2 de tala e 1 de desbroce) que acometerán as execucións subsidiarias de limpeza de fincas desde maio a outubro dentro do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

Os representantes municipais, Arévalo e Costas, aproveitaron para lembrar aos particulares propietarios de fincas con limpezas pendentes que aínda están a tempo de executalas antes de que o Concello comece a actuar de oficio o vindeiro mes de maio.

Este ano desde a administración local mosense faise un especial esforzo na prevención e loita contra os lunes forestais coa contratación destas 3 empresas, xa que o pasado 2020 foi unha única empresa a contratada.

Ás execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais sumaranse tamén as brigadas forestais que comezarán a traballar no mes de xuño. As contratacións dos brigadistas faranse a través de subvencións da Xunta de Galicia. Por unha banda están as do Aprol Rural a través das axudas para o Fomento do emprego no medio rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas que se contratarán a 2 traballadores en postos de peón forestal durante 9 meses a xornada completa. E con cargo ao Convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Mos para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, contrataranse a 12 traballadores nos postos de Oficial 1ª conductor motobomba (7), Xefe de brigada (1) e Peóns (4). A duración do contrato é de 3 meses.

Ante calquera dúbida, os propietarios de fincas pendentes de limpeza poden chamar por teléfono á concellería de Medio Ambiente (986 09 70 37) para pedir cita e acudir a aclarar as cuestións que se plantexen a este respecto.

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais foi aprobado polo Concello de Mos en 2019 tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, SEAGA e a Fegamp.

O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e intégrase dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Plans de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, tendo sido redactado por un titulado universitario forestal.

Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deben proceder á súa limpeza.

Tal e como explicaron a alcaldesa Nidia Arévalo e o concelleiro Leo Costas, “os obxectivos do Plan Municipal de Prevención de Defensa contra os Incendios Forestais son a descrición da situación actual do Concello (análise de risco, zonas de actuación, prioridades), a catalogación dos medios e recursos de prevención e defensa contra os incendios forestais, o establecemento do procedemento a seguir en caso de emerxencia, a regulación dos usos e o aproveitamento do risco e a programación de traballos preventivos”.