Mos aproba a solicitude de dúas subvencións para sendos cursos dirixidos a usuarios do departamento municipal de Benestar Social

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase de axudas para actividades do Programa de Acción Municipal 2013 da Deputación de Pontevedra

 

Dado que este é o primeiro ano que dende o departamento municipal de Benestar Social se pode solicitar a subvención de actividades por parte da Deputación de Pontevedra a través do Programa de Acción Municipal, PAM, a concelleira delegada de dito departamento, Sara Cebreiro, informou hoxe da aprobación, na Xunta de Goberno Local celebrada esta semana, da solicitude de dúas destas subvencións para a realización de sendos cursos: Alfabetización dixital e habilidades socio-laborais e Xestión doméstica básica.

 

Como se dixo, o Concello de Mos pide á administración provincial a financiación destes dou cursos por medio do programa PAM do exercicio 2013. O curso Xestión doméstica básica ten por obxectivo que as familias usuarias dos servizos sociais mosenses aprendan a xestionar dun xeito máis efectivo e óptimo as tarefas, a economía, e as responsabilidades domésticas e de coidado do fogar. Tamén se pretende que durante esta acción formativa os alumnos aprendan técnicas para aproveitar mellor o uso do seu tempo. Este curso contará cun total de 32 sesións que se distribuirán a razón de dúas sesións por semana.

 

O curso Alfabetización dixital e habilidades sociolaborais pretende que os seus alumnos e alumnas adquiran coñecementos básicos para a búsqueda de emprego potenciando o uso de avances informáticos de cara a unha inclusión activa no mercado laboral. Nesta acción formativa impartiranse un total de 32 horas de clase a repartir en dúas horas por semana a cada grupo. Os beneficiarios deste curso serán tamén usuarios dos servizos sociais do Concello de Mos que se atopen en situación de desemprego.

 

Ambos son cursos non remunerados, e de serlle concedidos ó Concello de Mos pola Deputación de Pontevedra, impartiríanse durante o segundo semestre do presente ano 2013.