Mos aproba as bases das axudas para o comedor escolar dirixidas ás familias con nenos que cursen Educación Infantil e Primaria

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O goberno local destaca a importancia desta subvención nun momento no que “é vital o fomento da conciliación da vida familiar e laboral”

 

Na Xunta de Goberno Local, celebrada no Concello de Mos esta mañá, aprobáronse as bases reguladoras da axuda municipal para o uso do servizo de comedor escolar para o curso 2013-2014.

 

A administración local mosense destina deste xeito unha cantidade de 5.000 euros para a concesión de subvencións ás familias do alumnado de Educación Infantil (segundo ciclo) e Educación Primaria para o uso do comedor escolar dos colexios públicos do Concello durante o vindeiro curso.

 

Segundo informou a concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, poderán optar e beneficiarse destas axudas os pais, nais ou titores –empadroados no Concello de Mos- dos alumnos matriculados en segundo ciclo de Educación Infantil, ou Educación Primaria nos colexios públicos mosenses para o curso escolar 2013-2014.

 

Os demandantes destas axudas deberán presentar as súas solicitudes nun prazo de 20 días contados a partir do día seguinte da publicación das mesmas no BOP (Boletín Oficial da Provincia).

 

Para a concesión da axuda computaranse os ingresos económicos do ano 2012 téndose en conta a renda per cápita da familia, partindo do indicador público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM=6.390,12 euros anuais), e o número de membros da unidade familiar. Deste xeito concederáselles a axuda ás familias que non superaran no 2012 os ingresos de 12.780,24 euros no caso de unidade familiar de dous membros, 19.170,36 euros no de tres membros, 25.560,48 euros no de catro membros, e 31.950,60 euros no de cinco ou máis membros.

 

O importe das axudas para cada neno será dun euro por menú e día, e a xestión do procedemento administrativo levarase a cabo polo departamento de Educación, ó que irán dirixidas as solicitudes para acollerse ás presentes subvencións.

 

Tanto Monzón como Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, consideran o mantemento deste tipo de axudas municipais “vital nestes tempos de crise económica nos que, máis que nunca, é importante fomentar a conciliación da vida familiar e laboral”. Así insisten en que “paga a pena” o “esforzo orzamentario realizado pola administración local mosense para poder manter esta subvención nos tempos que corren”.