Mos aproba definitivamente os Estatutos do Consorcio do Louro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Para o municipio mosense supón un paso moi importante xa que gañará na ampliación do saneamento e o abastecemento ata chegar en pouco tempo ó saneamento integral e a un gran incremento dos kilómetros de rede de abastecemento acometidos
 
O Concello de Mos aprobou definitivamente, no Pleno ordinario celebrado onte pola tarde, os Estatutos do Consorcio do Louro do que formará parte xunto cos concellos de Salceda de Caselas, Tui e Porriño.
 
Tras esta aprobación definitiva a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro delegado de Saneamento e Abastecemento, Camilo Augusto, amosaron a súa satisfacción, xa que “despois de moitos anos logrouse poñer en marcha este Consorcio tan desexado por alcaldes e corporativos de tódalas cores políticas, que nun futuro próximo será o encargado de xestionar o saneamento e abastecemento do Concello de Mos de xeito que se logre a prestación dun maior e mellor servizo para tódolos mosenses que, á súa vez, verán equiparadas as taxas nun recibo único que será igual para os catro Concellos membros do Consorcio”, explicaban.
 
Asimesmo Augusto informou de que, unha vez entre en funcionamento o Consorcio, este asumirá a xestión e explotación das redes municipais de saneamento e abastecemento, “o que para Mos é un paso moi importante, posto que se beneficiará da ampliación das redes de alcantarillado e de traída de auga potable ata chegar, en moi pouco tempo, ó tan ansiado e perseguido saneamento integral e á dotación dun importante número de kilómetros en materia de abastecemento de auga”, declarou.
 
Logo de ultimada toda a tramitación previa, onte aprobáronse os Estatutos do Consorcio do Louro polos Plenos dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Esta aprobación de Estatutos representa un hito na historia de Galicia, xa que se trata do primeiro Consorcio galego de concellos que se unen para tratar de xestionar máis óptimamente as súas augas residuais e as potables para consumo nas vivendas.
 
O ente do Consorcio está formado pola Xunta de Galicia e os concellos de Mos, Porriño, Salceda de Caselas e Tui. A sociedade configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sostibilidade institucional e económica nos primeiros anos ata o seu autofinanciamento. O Consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos case 60.000 habitantes destas catro administracións municipais.
 
O novo ente irá un paso máis alá da xestión da EDAR de Guillarei e encargarase de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial.
 
Cómpre recordar que no ano 2009 o Goberno da Xunta de Galicia puxo en marcha a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Guillarei e impulsou a creación dun consorcio que se encargara da xestión do sistema de saneamento do Louro, o cal inclúe a citada EDAR. Pero o novo ente irá máis alá da idea inicial de xestión da EDAR de Guillarei, xa que se encargará de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial.
 
O novo consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos 58.918 habitantes dos 4 concellos pontevedreses. A prestación deste servizo integral implica a garantía ambiental para o río Louro, non só coa xestión do saneamento, senón cun sistema de inspección máis rigoroso dos vertidos das industrias; o servizo da depuración da EDAR de Guillarei e a sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.
 
A Xunta de Galicia aposta por compartir servizos entre concellos con fórmulas de colaboración coma a citada. Cabe recordar que o consorcio será o que xestione directamente os ingresos polos servizos da auga, en vez de recibir transferencias dos concellos, o que evitará problemas no futuro por débedas ou reparto de custos.
 
Unha vez adoptados estes acordos de aprobación definitiva dos Estatutos e de constitución desta entidade local o Consello da Xunta os aprobará, mediante decreto, que se publicará no DOG xunto co texto íntegro dos Estatutos, e tras este último trámite procederase a súa constitución definitiva do Consorcio e ao inicio do seu funcionamento.
 
Novidades do novo Estatuto
 
As principais novidades introducidas nos estatutos sobre o previsto inicialmente son:
        A principal, que se amplía o obxecto do Consorcio a todo o ciclo da auga. Modifícase o título, a finalidade, as potestades e as competencias do ente supramunicipal no senso de abarcar a prestación destes servizos.
        Simplifícase a composición do Comité Directivo e a elección da Presidencia e Vicepresidencia, de modo que a representación dos concellos é superior á da Comunidade Autónoma de Galicia, de modo que se afiance a natureza local do consorcio.
        Prevese que o financiamento sexa preferentemente con recursos propios, o que evitará transferencias dos concellos ao Consorcio, e co apoio explícito da Xunta de Galicia para cubrir eventuais déficits que se poidan producir nos primeiros anos de funcionamento.
        Así, a xestión do servizo, e a recadación polo servizo será directa por parte do Consorcio.
        Para reforzar a transparencia e a operatividade, introdúcense dúas previsións a petición dos concellos relativas a necesidade de aprobación dos proxectos polos concellos nos que se vaian a executar as obras promovidas polo Consorcio, e a permitir que os concellos poidan executar obras promovidas por eles no ámbito dos seus termos municipais, co coñecemento do Consorcio.