Mos aproba en Pleno unha moción na que pide a gratuidade da peaxe da AP-9 no Porriño

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Coa mesma solicítase ante a administración  responsable a  liberalización inmediata da peaxe da AP-9  desde Puxeiros a Porriño e acórdase transmitir o acordo a  todos os partidos políticos que se presenten ás eleccións do 5 de abril en Galicia  para que  inclúan no seu programa  o compromiso de liberalización  da peaxe deste traxecto

O Concello de Mos aprobou onte en Pleno por maioría dos membros da Corporación Municipal unha moción para solicitar que todos os partidos políticos que se presentan ás eleccións autonómicas do vindeiro 5 de abril inclúan nos seus repectivos programas electorais a gratuidade do tramo da AP-9 entre Puxeiros e Porriño, que liberaría de tráfico á problemática autovía A-55 ao seu paso por Mos.

A devandita moción aprobouse cos votos favorables do equipo de goberno, a abstención do BNG e dos socialistas mosenses e a negativa a votar por parte dos membros de GañaMos.

A motivación desta moción é a perigosidade da A-55, o elevado número de accidentes que rexistra e que, á súa vez, producen enormes  danos tanto de saúde como materiais.

Mediante a aprobación da moción acordouse tamén solicitar ante a administración  responsable a  liberalización inmediata da peaxe da AP-9  desde Puxeiros a Porriño. E transmitir o acordo a  todos os partidos políticos que se presenten ás eleccións do 5 de abril en Galicia  para que  inclúan no seu programa  o compromiso de liberalización  da peaxe deste traxecto.

O Traxecto  da A-55 ao seu paso por Mos é un dos tramos máis perigosos  do  Estado Español,  o que se reflexa na alta  sinistralidade  contrastada  polos numerosos datos  estatísticos. Sinistralidade que  ocasiona  numerosos danos  materiais e  persoais.

Co fin de diminuír esta sinistralidade  realizouse unha reforma  recente  e  colocáronse  radares cunha limitación  de velocidade á 60Kms/h nun  traxecto de curvas, medidas  que se ben evitan en parte o crecemento da sinistralidade, provocan  numerosas retencións  polo elevado tráfico  e, así mesmo, dá orixe a numerosas sancións por exceso de velocidade, arredor de 14.000 anuais de forma continuada nos últimos anos.

Estas consecuencias  afectan a todos/as  os/as cidadáns, pero especialmente á veciñanza  de Mos, por ser os maiores usuarios desta vía.

Con trazado  paralelo e próximo   a esta estrada  existe a  Autopista  AP-9  pola que circula escaso tráfico debido ao peaxe nela instaurado. Esta Autopista  entre Coruña e Tui, ten accesos  de conexión coa A-55  tanto no Alto de Puxeiros  como en Porriño, cun percorrido de 8Kms. que enlaza coas autovías cara Tui, Ourense e Vigo. Se este traxecto  fose liberado da peaxe diminuiría de forma  significativa  a densidade do tráfico no traxecto referido da  A-55; e,  polo tanto, menguarían os problemas mencionados. Por outro lado  é evidente que o coste  de liberalización destes  poucos  quilómetros  da peaxe ten un coste asumible pola Administración Pública Responsable. Aínda que o  Ministerio de Fomento, consciente  do grave problema ten proxectado un túnel que permita reducir drasticamente o tráfico no traxecto referido da A-55, o proxecto está aínda nunha  fase inicial e non resolve  o problema a medio prazo.