Mos aproba por unanimidade o seu Plan de Igualdade no Día contra a Violencia de Xénero

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Durante o Pleno Ordinario celebrado esta mañá produciuse a aprobación, co voto unánime de todos os membros da Corporación Municipal, da Prórroga do III Plan de Igualdade (2015-2018) do Concello de Mos

A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro do Concello de Mos comezaba hoxe, 25 de novembro, cun acto simbólico conmemorativo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero organizado conxuntamente entre a concellería de Política Social e Igualdade que dirixe a edil Sara Cebreiro e o CIM (Centro de Información á Muller) de Mos.

O acto consistiu en que 52 mulleres membros de diferentes asociacións do tecido asociativo mosense xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, depositaron fronte á mesa de presidencia do Pleno, cadanseu par de zapatos, simbolizando a todas e cada unha das 52 vítimas de violencia de xénero rexistradas durante o que vai de ano. A continuación, varias destas mulleres leron tamén un manifesto conmemorativo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, orientado a previr que ese número de 52 pares de zapatos que quedaron sen dona este ano aumente e a denunciar esas 52 mortes inxustas.

Pola súa banda a orde do día da sesión plenaria de hoxe incluiu tamén un punto moi vencellado á eliminación da violencia de xénero, que é o Plan de Igualdade Municipal. O Pleno do Concello de Mos aprobou por unanimidade dos seus membros o sexto punto da orde do día consistente na Prórroga do III Plan de Igualdade (2015-2018).

Este documento pretende servir de guía e marco para promover e fixar pautas de fomento da equidade entre sexos, tanto entre os traballadores e traballadoras municipais como entre a veciñanza mosense en xeral.

Posto que a conciliación e o recoñecemento laboral seguen a ser máis complicados para as mulleres que para os homes, adicando as primeiras máis tempo ás tarefas domésticas e ocupando postos de menor categoría e con peores condicións laborais, dende o Concello de Mos decidiuse emprender unha serie de políticas transversais para cambiar a situación e, entre ditas medidas, atópase este Plan de Igualdade que xa leva anos aprobando.

A vontade desta administración local é a de converterse nun Concello pioneiro en materia de igualdade e, para elo, márcase o obxectivo de que todas a iniciativas municipais inclúan dúas liñas formativas: en igualdade e en prevención da violencia de xénero.

O Concello de Mos ten adquirido o firme compromiso de incluír a concienciación igualitaria en todas e cada unha das actividades organizadas, tanto en materia de formación e emprego, como musicais, culturais, de ocio, deportivas…; así como tamén facelas extensivas á comunidade educativa achegándoas a profesorado, alumnado e familias; e ao voluntariado mosense: Protección Civil, Mos Axuda, Voluntariado Xuvenil, Voluntariado Social e Medioambiental e persoal municipal. Dentro deste marco de fomento da igualdade o CIM (Centro de Información á Muller de Mos) ten un especial peso específico e importancia capital, xa que xunto co Consello Municipal da Igualdade, vela pola igualdade de oportunidades da cidadanía mosense independentemente de cal sexa o seu xénero.

O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou, por unanimidade dos seus membros, en xaneiro deste ano, a creación do Consello Municipal da Igualdade que naceu da posta en marcha do CIM e das periódicas celebracións da Mesa Local contra a Violencia de Xénero; como un ente vertebrador e integrador de todas as accións municipais desenvolvidas en materia de igualdade. Unha medida máis, xunto coa prórroga do Plan de Igualdade que hoxe se aprobou por unanimidade, que demostra que o de Mos un municipio volcado no fomento da igualdade ente homes e mulleres. Unha igualdade real e efectiva que incida en potenciar a integración social das mulleres.

O de Mos é un Concello participativo de xeito activo na promoción de actuacións encamiñadas a erradicar a desigualdade e a discriminación por razón de sexo no ámbito local, así como a participación plena da cidadanía en todos os ámbitos da vida municipal. Un Concello que quere defender os dereitos das mulleres velando polo cumprimento das disposicións legais e previndo as posibles discriminacións que se poidan producir en calquera eido. Así como fomentar a concienciación das mulleres da súa propia situación, e promover cambios nas actitudes e comportamentos dos homes que perpetúan a desigualdade entre ambos. Impulsar, promover e apoiar o asociacionismo feminista e de mulleres e aqueles outros que promovan a igualdade entre xéneros respectando a súa autonomía. E potenciar a participación social das mulleres co fin de que se constitúan responsables e protagonistas do seu propio proceso de promoción e desenvolvemento e para a consecución dunha igualdade real e efectiva.

Para todo elo a administración local mosense levou a aprobación en Pleno unha vez máis este Plan de Igualdade, este documento marco que promove o cambio social de cara a obter repercusións reais, positivas e tanxibles. Este Plan que dá continuidade ós precedentes elaborados tamén polo Concello e pretende conseguir progresivamente a igualdade real, a igualdade da práctica e non da teoría. A través deste Plan, e co máis óptimo aproveitamento dos propios recursos nun documento adaptado á idiosincrasia mosense, espérase beneficiar de xeito tanxible tanto á poboación como ó persoal do Concello no que a igualdade de xéneros se refire.